Pestanas principais

Un grupo de 60 persoas participou na actividade de observación astronómica “Noite de estrelas”, que se desenvolveu no alto do Monte de San Marcos

Mércores, 23 de xullo de 2014

[23-07-2014] O Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, continúa coas actividades que ten previsto realizar no concello de Ames. Nesta ocasión organizou unha actividade de observación astronómica no alto do monte de San Marcos, que se denominou “Noite de estrelas”. Nesta actividade participaron arredor de 60 persoas entres as que había todo tipo de públicos (nenos/as, mozos/as e adultos). Esta observación enmarcouse dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos.

Programa Todocosmos
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiación da FECYT para o ano 2014, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, e Teo, así como a empresa Óptica Val.

En primeiro lugar, ensináronlle aos participantes a empregar o planisferio. De seguido, indicáronlles onde se atopaba a Osa Maior e a partir desta constelación foron vendo o resto de planetas e constelacións que se divisaban no ceo. Deste xeito, puideron ver as constelacións da Osa Menor; o triangulo de verán, que está composta por tres estrelas; Andrómeda; Cefeo, Casiopea; Perseo; Leo; Virgo; Libra; Serpens; etc. Ademais, puideron ver varios planetas como Marte e Saturno; así como estrelas fugaces e satélites artificiais.

Ademais, de ensinarlle as diferentes constelacións que se podían ver no ceo, os coordinadores desta actividade explicáronlle aos participantes diferentes aspectos da mitoloxía grega, que estaban relacionados con estas constelacións. Os participantes foron desprazando a súa mirada polo ceo seguindo as indicacións dos coordinadores e tendo en conta as indicacións do planisferio. Tamén se empregaron lanternas, para poder ver o planisferio na escuridade, e punteiros de láser.

O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. No marco deste programa o persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller desenvolveu unha actividade de observación astronómica este martes pasado, 22 de xullo, no alto do monte de San Marcos.

Esta actividade, que se desenvolveu entre as 22:30 e as 01:00, denominouse “Noite de Estrelas”. Nesta sesión astronómica participaron arredor de 60 persoas (nenos/as, mozos/as e adultos) que puideron observar varios planetas, constelacións e estrelas fugaces. Os encargados de impartir esta actividade foron Pedro Pablo Campo e José Ramón González, membros do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.