[15-07-2014] O Concello de Ames organizou varios campamentos de verán para os meses de xuño, xullo e agosto. Nun destes campamentos participaron un grupo de 50 mozos e mozas, que cursaron estudos de ensinanza secundaria obrigatoria durante o pasado curso. Estes rapaces e rapazas estiveron oito días no campamento xuvenil da Ribeira Sacra, en Quiroga, no que realizaron varias actividades relacionadas coa natureza e coa auga. A través destas actividades os rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos e aprenderon a respectar o medio ambiente.
Deste xeito, participaron en actividades de kaiak; paddelboard (antiga forma de deslizamento na que se utiliza un remo para desprazarse mentres se permanece de pé nunha táboa de sur), rapel (descenso por superficies verticais a través dun arnés e un descensor empregado en escalada en rocha); e xeocaching, que o obradoiro da natureza por excelencia, onde os mozos e mozas aprenden a usar o compás e o GPS deportivo a través das nocións que se lles amosan de cartografía e planimetría.
Por outra banda, participaron nunha excursión en catamarán polos Canóns do Sil e en diferentes rutas de BTT, xa que en Quiroga existe unha ruta BTT que percorre as principais e máis fermosas paraxes do val quirogués a través de aproximadamente 50 quilómetros. Ademais, durante todo o campamento os rapaces e rapazas tiveron tempo para refrescarse na praia fluvial e na piscina desta zona.
Os 50 mozos e mozas que acudiron a este campamento gozaron de oito días nos que puideron participar en diferentes actividades deportivas nun entorno espectacular como é o da Ribeira Sacra. Neste campamento, que se desenvolveu entre o 6 e o 13 de xullo, participaron os mozos e mozas que cursaron 1º, 2º, 3º e 4º da ESO.
As activades desenvolvidas neste campamento tiveron como fío condutor e unificador a natureza. Os mozos/as puideron practicar varias disciplinas deportivas nun espazo medioambiental no que aprenderon a través do xogo, e onde o río tivo un papel protagonista.




