[25-05-2012] A concellería de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, está desenvolvendo varias actividades para o alumnado dos centros de ensino amienses. Un grupo de alumnos de quinto de educación primaria do CEIP Agro do Muíño participou esta mañá nun obradoiro sobre o sistema solar. A actividade, impartida pola coordinadora da Aula da Natureza, contou cunha breve explicación do tema e diferentes exercicios prácticos, adaptados á idade do alumnado. Os rapaces e rapazas coñeceron como se formou o sistema solar e diversos aspectos sobre os planetas que forman o sistema solar (composición dos planetas, distancia respecto ao sol, etc). O obradoiro desenvólvese entre as 10:00 h e as 13:30 horas.
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, está desenvolvendo un programa específico de actividades dirixidas tanto ao alumnado dos centros de ensino coma á veciñanza amiense. Durante os últimos meses realizáronse varios obradoiros dirixidos ao alumnado amiense como o obradoiro de ecosistemas, o obradoiro sobre o coñecemento dos cinco sentidos ou o obradoiro para coñecer os animais do solo e as plantas medicinais.
Agora, estase desenvolvendo outro obradoiro sobre o sistema solar no que participan os alumnos/as de quinto de educación primaria do CEIP Agro do Muíño. Este tipo de actividades son un gran complemento para a aprendizaxe dos escolares. Na primeira parte do obradoiro os rapaces e rapazas recibiron unha charla sobre a formación do sistema solar e da composición dos planetas. Trala explicación os alumnos/as dividíronse en grupos e cada grupo preparou unha explicación sobre cada un dos planetas do sistema solar.
Os rapaces e rapazas tamén participaron en varios obradoiros. O orballo que caeu sobre A Ameixenda non permitiu desenvolver esta actividade no exterior. Así, realizouse unha reprodución do sistema solar no interior da Aula da Natureza para coñecer a distancia que hai entre os planetas, a súa dimensión e a distancia respecto ao sol. No medio colocouse un globo de 30 centímetros. Ao redor do globo fóronse situando os distintos planetas. A dez pasos do globo colocouse Mercurio, que foi representado cun alfinete. A oito pasos instalouse Venus, representado por un grao de pementa. Deste xeito, fóronse colocando todos os planetas. A través deste xogo os nenos/as fixéronse unha idea da diferencia de tamaño que existe entre o sol e os diferentes planetas.
Por último os nenos/as elaboraron unha maqueta do sistema solar. Primeiro colorearon os planetas para despois recortalos e colocalos nunha maqueta que representaba o sistema solar. O alumnado tamén tivo tempo para saír ao exterior da Aula da Natureza, merendar e xogar un anaco. O tempo non permitiu desenvolver outras actividades que necesitaban da presenza do sol, dado que durante a mañá deste venres non se deixou ver.
A concellaría de Medio Ambiente está promovendo unha serie de actividades dirixidas aos centros de ensino e ANPAS do concello co obxectivo de unir esforzos en materia de educación ambiental. Así, o Proxecto de Educación Ambiental do Concello de Ames márcase como obxectivo fomentar o coñecemento e a valorización do medio, así como colaborar na formación dunha conciencia crítica cos problemas ambientais.





