[14-07-2015] O Concello de Ames organizou varios campamentos de verán para os meses de xuño e xullo. Nun destes campamentos participaron un grupo de 49 mozos e mozas, que cursaron estudos de ensinanza secundaria obrigatoria durante o pasado curso. Estes rapaces e rapazas estiveron oito días no campamento xuvenil de Castrelo de Miño, no que realizaron varias actividades relacionadas coa ciencia, o medio ambiente e a auga. A través destas actividades os rapaces e rapazas tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos e aprenderon a respectar a natureza.
Os mozos e mozas que acudiron a este campamento gozaron de oito días nos que puideron participar en diferentes actividades deportivas e lúdicas no complexo xuvenil de Castrelo de Miño. Neste campamento, que se desenvolveu entre o 1 e o 8 de xullo, participaron os mozos e mozas que cursaron 1º, 2º, 3º e 4º da ESO.
As activades desenvolvidas neste campamento tiveron como fío condutor e unificador a natureza, a ciencia e a auga. Os mozos/as puideron practicar varias disciplinas deportivas nun espazo medioambiental no que aprenderon a través do xogo, e onde o río tivo un papel protagonista xa que ao pé do río Miño está situado o parque náutico de Castrelo de Miño.
Deste xeito, participaron en actividades de vela; kaiak; paddelboard (antiga forma de deslizamento na que se utiliza un remo para desprazarse mentres se permanece de pé nunha táboa de sur), windsurf; e xeocaching, que é o obradoiro da natureza por excelencia, onde os mozos e mozas aprenderon a usar o compás e o GPS deportivo a través das nocións que se lles amosan de cartografía e planimetría.
Por outra banda, participaron nunha excursión ás termas de Outariz, situadas en Ourense, e en diferentes rutas de BTT, así como de sendeirismo. Ademais, durante todo o campamento os rapaces e rapazas tiveron tempo para refrescarse no río Miño e na piscina deste complexo xuvenil, onde participaron en diferentes xogos de auga. Tamén tiveron obradoiros de cociña e actividades relacionadas coa astronomía nas que os mozos e mozas construíron uns foguetes de auga e outros de astro-modelismo.