[15-07-2013] Este luns, 15 de xullo, comezan tres días de aventuras e obradoiros no campamento Albergue Lug-2, para un total de 49 nenos e nenas amienses de 1º e 2º de Educación primaria. Trátase dun campamento no que o tema principal das súas actividades e obradoiros é a auga. Durante a primeira xornada do campamento os rapaces e rapazas visitarán a Lagoa de Cospeito e participarán na actividade Bioespazo H2O. Os campamentos municipais de verán, que están organizados pola concellaría de Medio Ambiente, son unha boa alternativa de ocio para que todos os nenos e nenas amienses pasen unhas vacacións entretidas ao tempo que aprenden nocións sobre a convivencia en grupo e o medio ambiente.
O Albergue LUG-2 ofrece un campamento multi-aventura no que como di a propia palabra as aventuras serán as protagonistas, pero tamén serán protagonistas a aprendizaxe a partir do xogo, así como todo o que teña que ver coa conciencia humana e a natureza acuífera na que vivimos. Neste campamento destacarase a importancia da auga na vida do ser humano e nos ecosistemas.
Neste campamento foméntase que a xuventude participe en actividades desta índole e ao mesmo tempo aprenda da terra, polo que se lle dará ás actividades un forte carácter etnográfico de integración dos campamentos nas zonas onde viven e coas xentes que habitan ditas zonas, facendo unha clara relación entre a etnografía e o tema central dos nosos campamentos.
A través das actividades e obradoiros darase unha visión nova da auga, para axudar a coidala e sobre todo a valorala mediante unha dinamización clara a partir das labores que aprenderán os rapaces no campamento, porque está claro que é compatible pasalo ben, divertirse, formarse e á vez compartilo cos demais. Falarase do ciclo da auga e da importancia que ten este na vida das persoas e don animais.
Tres xornadas cheas de aventuras
Os rapaces e rapazas partiron ás 10:15 horas cara o Albergue Lug-2. Durante a primeira xornada do campamento os rapaces e rapazas visitarán a Lagoa de Cospeito. Os nenos/as dividiranse en dous grupos. Mentres un grupo visita a Aula medio ambiental, outro grupo fará un percorrido pola lagoa. Pola tarde, os rapaces e rapazas participarán na actividade ambiental Bioespazo H2O, que está dirixida ao coñecemento da importancia da auga.
Na segunda xornada os nenos/as participarán nunha actividade de orientación con GPS denominada Augas de Lugo, que se desenvolverá no río Catabois. Pola tarde, levarase a cabo a actividade de supervivencia Vivaz. Os rapaces e rapazas aprenderán técnicas de supervivencia, a montar unha tenda de campaña, etc. Na terceira e última xornada, os nenos/as visitarán unha espazo catalogado como reserva da biosfera e practicarán xogos acuáticos como o kaiak e o snorkel.
Trala cea, todos os días haberá unha sesión de parlamento, onde os monitores/as poderán falar cos rapaces e rapazas para coñecer a súa opinión sobre as actividades realizadas e para saber como se atopan no campamento. Ademais, haberá veladas nocturnas.




