[13-08-2012] Un grupo de 46 nenos e nenas amienses viaxan hoxe rumbo ao concello pontevedrés de Fornelos de Montes para participar nun campamento que se realizará na granxa-escola Kiriko. Arredor das 10:30 horas da mañá, os rapaces partiron a esta actividade organizada pola Concellaría de Medio Ambiente. Os nenos e nenas, que gozarán de seis días de campamento e volverán o sábado, foron despedidos en Bertamiráns e no Milladoiro polas súas familias e pola concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín.
Durante toda a semana, os asistentes poderán gozar de actividades de ciencia e natureza e de xogos deportivos e de orientación. Ademais, están previstas rutas de sendeirismo, actividades na piscina e de cooperación. Os nenos e nenas contarán con outras iniciativas como a contemplación de estrelas, ou actividades musicais ou de teatro.
A granxa-escola Kiriko de Fornelos de Montes conta cunha extensión de once hectáreas e ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de gozar dun entorno natural único e dos costumes do medio rural. Segundo o programa da viaxe, o obxectivo das actividades que se levarán a cabo no campamento é que os rapaces e rapazas gocen da natureza con actividades de aventura, aprendendo sobre ela ao mesmo tempo mediante a realización de actividades de experimentación, rastreo e mostreo no entorno natural.
Os campamentos de verán organizados polo Concello de Ames son cada ano unha das actividades máis esperadas polos cativos/as. Estas iniciativas teñen como finalidade permitir que ás nais e pais poidan conciliar por uns días a vida familiar coa laboral, mentres os seus fillos se divirten.
Durante os meses de xuño e xullo, un total de 186 nenos e nenas amienses participaron nos campamentos organizados pola Concellaría de Medio Ambiente en Negreira e Allariz. A eles, súmanse os 46 rapaces e rapazas que, desde hoxe e ata o día 18 de agosto, gozarán do campamento de Fornelos de Montes.




