[01-08-2012] Un grupo de 45 nenos e nenas amienses de 8 e 9 anos viaxan hoxe rumbo a Allariz para participar nun campamento que se realizará no Albergue Fundación Ramón González Ferreiro. Arredor das 10:30 horas da mañá, os rapaces partiron a esta actividade organizada pola Concellaría de Medio Ambiente. Os nenos e nenas, que gozarán de catro días no albergue, foron despedidos en Bertamiráns e no Milladoiro polas súas familias e polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar.
Os participantes nesta excursión teñen establecido un programa específico para todas as xornadas. Os rapaces comezarán o día ás 9:30 horas co almorzo para realizar, unha hora despois, a primeira das actividades por grupos. As actividades serán de diversos tipos: artísticas, xogos populares ou deportes de aventura. Ás 14:00 horas, os nenos e nenas farán un descanso para a comida e para prepararse para a segunda actividade do día, entre as que se atopan obradoiros e grandes xogos organizados para grupos. Trala cea, o grupo de nenos e nenas realizarán unha última actividade diaria, que consistirá en concursos, grandes xogos de exterior ou reunións por grupos.
O obxectivo desta actividade será dar a coñecer aos rapaces e rapazas o espazo natural no que se atopan, fomentando súa protección e respecto. As actividades que se levarán a cabo en Allariz teñen como fin sensibilizar aos nenos co medio que lle rodea, potenciar o traballo en equipo, valorar a convivencia dentro do grupo, favorecer a adquisición de habilidades sociais e adquirir boas condutas sobre o contexto natural e humano.




