[13-07-2012] Un grupo de 40 rapaces e rapazas amienses de entre 12 e 16 anos viaxan hoxe rumbo a Portugal para participar no campamento da localidade de Aveiro. Arredor das 10:00 h da mañá, os rapaces partiron a esta actividade que organiza o Concello e que ten por obxectivo participar nunha aventura baseada na actividade deportiva, na expresión corporal, e na natureza como feitos importantes para o desenvolvemento da mocidade e o coñecemento de Aveiro e a súa contorna. Os rapaces e rapazas gozarán de 7 días e 6 noites nesta localidade portuguesa que é coñecida como a Venecia portuguesa. Este campamento que arrancou hoxe prolongarase ata o 19 de xullo.
Os 40 mozos e mozas que marcharon esta mañá cara Aveiro poderán gozar de sete días en contacto coa natureza ao tempo que realizarán multitude de activades lúdico- deportivas e coñecerán diferentes localidades de Portugal. Aveiro é unha cidade portuguesa, na rexión centro e subrexión do Baixo Vouga, situada a preto de 58 quilómetros ao norte de Coímbra. A cidade situase na desembocadura do río Vouga, que formará pouco despois a ría de Aveiro.
Os participantes nesta excursión teñen establecido un programa específico para cada un dos días. A mocidade comezará as actividades arredor das 9:30 horas. Está previsto que realicen diferentes visitas polos arredores de Aveiro, farán unha viaxe en góndola polas canles de Aveiro, coñecerán Oporto, e participarán en varias actividades deportivas, xincanas, arborismo, e incluso poderán facer rappel.
A partir das 14:00 horas os mozos/as terán a hora de xantar, seguida dos xogos de sobremesa que están previstos. E ás 15:30 horas comezarán as actividades de tarde. Despois da cea poderán gozar todas as noites de veladas temáticas e xogos colectivos. En definitiva, serán 7 días cunha estudada programación, especialmente feita para garantir que se divirtan aprendendo conceptos básicos de socialización, que se fomentan dende o Concello de Ames.
Os obxectivos que se buscan con este campamento son crear unha aventura baseada na actividade deportiva, na expresión corporal, e na natureza como feitos importantes para o desenvolvemento da mocidade e o coñecemento de Aveiro e a súa contorna; establecer un contacto estreito entre o/a mozo/a e o deporte de aventura a través da natureza; fomentar o coñecemento interpersonal entre os participantes mediante a creación dunha atmosfera de respecto mutuo que ten como unidade didáctica a educación en valores; fomentar a través das actividades do respecto ao medio natural e patrimonial de Portugal; gozar aprendendo das actividades propostas, e desenvolvendo actitudes comprensibles co equilibrio persoal a través de dinámicas relacionadas coa expresión corporal.
Programación de actividades
Durante a xornada de hoxe os participantes irán directamente cara á desembocadura do río Miño. A primeira parada será na Guarda onde os rapaces e rapazas participarán nunha pequena actividade. Deste xeito, os mozos/as iranse coñecendo e coñecerán as normas que rexerán durante o campamento. Ademais, os mozos/as visitarán A Guarda e Tui.
Mañá, os rapaces dedicarán o día a coñecer a localidade onde van estar aloxados durante estes sete días. Os rapaces e rapazas estarán aloxados na Pousada da Juventude. Ovar está situada no distrito de Aveiro con cerca de 17.200 habitantes. O lugar é indiscutiblemente atractivo para o desenvolvemento deste campamento, xa que na mesma costa, está situada a praia de Furadouro, unha das máis belas praias de Portugal.
Os días 15, 16 e 17 de xullo, os mozos/as seguirán unha programación lineal onde polas mañás farán deporte en rotacións e pola tarde coñecerán máis a fondo Portugal a través do Centro de Ciencia Viva de Aveiro, unha viaxe en góndola polas canles de Aveiro a Venecia portuguesa e a Aula Mariña.
O día 18 dedicarase a realizar actividades de multiaventura e supervivencia en Ovar. Os rapaces dividiranse en dous grupos. Cada grupo estará cun monitor para participar nun xogo de rol que incluirá: sendeirismo, obradoiros etnográficos con persoas maiores da zona, xincanas, arborismo, e incluso poderán facer rappel. Xa pola tarde visitarán a cidade de Oporto. O xoves 19 será o día de regreso. Pola mañá os rapaces e rapazas descansarán na praia ou na piscina. Os mozos e mozas chegarán a Ames arredor das 20:00 horas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Un grupo de 40 rapaces da ESO saíron ao campamento xuvenil de Aveiro"