Pestanas principais

Un grupo de 35 veciños e veciñas de Ames recibe información sobre o proceso de acollemento e boas prácticas de persoas refuxiadas de Ucraína

Martes, 29 de marzo de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou a semana pasada unha xuntanza informativa sobre o acollemento e as boas prácticas a seguir coas persoas refuxiadas de orixe ucraína que cheguen a Ames. Á reunión que tivo lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, asistiron arredor de 35 persoas que mostraron interese en colaborar dende Ames. Premendo nestas ligazóns podes descargar un documento con información para desprazados ucraínos en España e unha guía sobre a crise humanitaria en Ucraína.

A xuntanza informativa comezou cunha breve introdución por parte da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, que destacou “o gran espírito solidario do pobo amesán. No noso concello temos ampla experiencia como concello acolledor e somos uns dos poucos que contamos cun servizo se atención ao migrante, así como cun técnico de mediación intercultural no seu cadro de persoal. Esta é unha xuntanza con sabor agridoce, xa que toca canalizar da mellor forma posible e seguindo o criterio dos expertos, esta onda de solidariedade para que poidamos facelo do mellor xeito posible e que os nosos esforzos sirvan realmente para axudar”.

De seguido interveu a asesora xurídica, Maite Arufe, que explico que é a condición de refuxiado, o que implica, e como se solicita. Tamén explicou o que necesita unha persoa de Ucraína para entrar en España e achegou información sobre a protección temporal (Directiva de UE aprobada en 2001 sobre a protección de persoas desprazadas e que lle permite á poboación ucraína desprazada residir, traballar ou estudar na Unión Europea durante un ano, e prorrogable ata tres anos, sen ter que solicitar asilo). Esta directiva nunca fora aplicada ata o de agora e entrou en vigor na actualidade debido ao conflito bélico en Ucraína.

A continuación, o mediador intercultural, Leonardo Pena, falou sobre o que implica acoller a unha persoa refuxiada, así como os compromisos e retos desta situación. Tamén se proporcionou información sobre o procedemento de acollida de persoas desprazadas a España. Neste senso explicouse que a integración das persoas refuxiadas noutro pais é unha procedemento longo. Ademais, incidiuse en que diversas entidades da provincia da Coruña xestionan o programa estatal de acollemento de persoas refuxiadas que depende do Ministerio de de inclusión, Seguridade social e Migracións.

10 persoas viaxaron dende Ucraína ata Ames

Por último, participou na xornada o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, que explicou como se pode axudar de xeito eficaz á poboación ucraína. Deste xeito, dixo que todas as entidades que están traballando e xa levan tempo traballando en Ucraína indican que na actualidade o mellor xeito de colaborar é a través de doazóns económicas. Rubén Ramos invitou a Nataliya, unha muller ucraína que axuda como voluntaria na Oficina de Voluntariado de Ames, para que ofrecese o seu testemuño sobre a viaxe que fixo a Ucraína para traer para Ames a oito familiares.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames tamén explicou o traballo feito dende o departamento de Servizos Sociais con estas oito persoas que chegaron dende Ucraína xunto a Nataliya e doutras dúas persoas que se ten constancia que están residindo no Milladoiro xunto a familiares e que tamén viaxaron dende Ucraína ata Ames nas últimas semanas.

Mercado solidario en favor de Ucraína

Por outra banda, hai que destacar que o pasado venres, 25 de marzo, realizouse un mercado solidario en favor de Ucraína. Dito mercado desenvolveuse nas Casas da Cultura de Bertamiráns, de 17.00 a 18.00 horas, e do Milladoiro, de 18.30 a 19.30 horas.

Vendéronse camisetas, pulseiras, chapas e postais elaboradas polos usuarios/as de Arcea Adames, por persoas maiores do programa Amessan e por nenos e nenas do Consello sectorial municipal. As ilustracións para as postais foron doadas polo estudo de deseño Terteres. Este mercado tivo unha boa acollida entre a veciñanza amesá e recadáronse 565 euros que se ingresaron na conta bancaria da Cruz Vermella.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Información para recibir a ucranianos y 565 € donados"

AMSGO!: "Xuntanza informativa sobre acollemento de refuxiados en Ames"

Un grupo de 35 veciños e veciñas de Ames recibe información sobre o proceso de acollemento e boas prácticas de persoas refuxiadas de Ucraína

Multimedia

  • Un grupo de 35 veciños e veciñas de Ames recibe información sobre o proceso de acollemento e boas prácticas de persoas refuxiadas de Ucraína