[07-07-2016] O pasado luns, 4 de xullo, comezou o campamento urbano da Aula da Natureza. Nesta edición, que se desenvolve entre os días 4 e 15 de xullo en horario de 16:00 a 20:00 horas, participan 30 nenas e nenos. Os obradoiros e actividades impártenos os e as voluntarias xuvenís da OMIX e maila coordinadora da Aula Natureza, Patricia Reboreda.
A Aula da Natureza, situada na parroquia da Ameixenda, acolle unha vez máis o campamento urbano de verán. Ao longo de dúas semanas, e en horario de tarde, un grupo de 30 nenos e nenas aprenderán un pouco máis acerca do seu medio, da fauna e flora do seu municipio, e doutros temas como a arqueoloxía ou a física. Previo ao campamento os oitos voluntarios e voluntarias xuvenís da OMIX participaron en varias reunións para organizar e coordinar a programación desta actividade. Eles e elas, coa axuda da técnico ambiental, Patricia Reboreda, guiarán e axudarán aos nenos e nenas do campamento.
O primeiro día do campamento, o luns 4, o grupo coñeceu a Dona Xosefa e a Don Mauro. Estes bonecos foron feitos polos rapaces e rapazas con roupa vella e papel de xornal que empregaron como recheo. Dona Xosefa e Don Mauro, que apadriñaron a cadanseu grupo de rapaces e rapazas, presiden as instalacións da Aula da Natureza e son os “xefes” do campamento.
Cada un dos equipos dirixidos por Dona Xosefa e Don Mauro teñen unha tarefa a desenvolver ao longo destas semanas. Un deles está a preparar unha obra de monicreques; monicreques que o grupo vai crear, e aos que empregarán para dar vida a un guión escrito polo propio equipo. O segundo encargarase de poñer o punto musical ao campamento: construirán instrumentos con material reciclado e ofrecerá un concerto ao resto dos seus compañeiros e compañeiras.
División por grupos segundo a idade
A maiores dos dous grandes equipos formáronse outros grupos máis pequenos. Cada un escolleu un nome e deseñou o seu propio logotipo: os Leóns, Catamarán, os Hackers, Os Cinco e Extintores foron os escollidos. As actividades do campamento divídense en dous bloques: por un lado as máis lúdicas, como xogos de pistas ou xincanas, e polo outro obradoiros ambientais. Para facer o campamento máis ameno cada grupo competirá por conseguir puntos nos xogos e retos, que quedarán rexistrados no marcador. O derradeiro día darase a coñecer o nome do equipo gañador.
Un obradoiro sobre a arte rupestre e a localización dalgunhas covas famosas polos seus gravados prehistóricos, rutas estudando a fauna e a flora que se atopa polo camiño, excursións a Tapia ou a algunha granxa ou un obradoiro de cociña son algunhas das actividades que se levarán a cabo. Para isto, explica a coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, “dividiranse de vez en cando a nenas e nenos por idades, para adecuar as actividades á súa idade. O obradoiro de electricidade, por exemplo, estará dirixido aos e ás participantes maiores”.