Pestanas principais

Un grupo de 22 rapaces e rapazas están participando no campamento urbano da Aula da Natureza

Venres, 10 de xullo de 2015

[10-07-2015] Esta semana comezou o campamento urbano de verán que está desenvolvendo o Concello de Ames, a través da concellería de Medio Ambiente, nas instalacións da Aula da Natureza. Neste campamento están inscritos un total de 22 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas participarán en obradoiros ambientais, actividades de astronomía, xogos tradicionais, actividades de horta e excursións. Estas actividades desenvolveranse ata o 17 de xullo, en horario de 16:30 a 20:00 horas. Para facilitar a asistencia dos rapaces, o Concello habilitou un servizo de autobús que traslada os participantes ata a Aula da Natureza e que os leva de volta ao remataren as actividades.

Debido ao éxito acado nas edicións anteriores, a concellaría de Medio Ambiente decidiu volver a organizar o campamento urbano de verán que se desenvolve durante as tardes do mes de xullo nas instalacións da Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, terá lugar ata o 17 de xullo, en horario de 16:30 a 20:00 horas.

A través desta iniciativa trátase de que os rapaces e rapazas pasen unhas tardes entretidas durante a época estival. Os 22 nenos e nenas que están inscritos neste campamento están participando en obradoiros, xogos e excursións. En algunhas actividades divídense os rapaces en varios grupos tendo en conta a súa idade, pero nas excursións e nos grandes xogos participan todos os nenos/as para que todos os participantes manteñan o contacto e a relación durante estes 10 días que dura o campamento urbano.

Os nenos nenas xa desenvolveron actividades de astronomía a través das cales fixeron un reloxo de sol. Ademais, os rapaces e rapazas maiores están acondicionando un muíño que se atopa preto da área recreativa da Ameixenda. Por outra banda, o grupo de pequenos participaron en actividades de horta e en diversos obradoiros para elaborar pulseiras e papel de sal. Para rematar esta semana, todos os nenos/as participaron nunha andaina dende Tapia ata Oca. O regreso fixérono pola beira do río Tambre. Ao final puideron darse un baño na praia fluvial de Tapia.