[20-07-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, e en colaboración cos centros escolares, Cáritas Milladoiro e Cáritas Bertamiráns, xestionou a incorporación á Escola de Verán de 11 rapaces e rapazas que están en risco de exclusión social e de 10 nenos e nenas que debido á situación económica da súa familia era aconsellable que se acolleran a este programa municipal. Esta iniciativa enmárcase dentro dun programa de apoio e axuda urxente ás familias destes nenos/as. Ademais, os técnicos municipais de Servizos Sociais realizaron as xestións correspondentes para que puidesen dispoñer de servizo de transporte para acudir a este programa.
Segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, “o goberno municipal está traballando nos compromisos adquiridos no acordo de investidura asinado polas forzas políticas amesás de esquerda. Seguindo esta liña de traballo dende o departamento de Servizos Sociais, e en colaboración cos centros escolares, Cáritas Milladoiro e Cáritas Bertamiráns, activouse un programa de apoio e axuda urxente para as familias afectadas pola crise ou que se atopan en risco de exclusión social. Deste xeito, un total de 21 rapaces e rapazas xa están participando na Escola de Verán durante o que resta do mes de xullo e todo o mes de agosto”.
Cómpre recordar que a Escola de Verán estase desenvolvendo dende o 1 de xullo en Bertamiráns e no Milladoiro de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asisten por quincenas, un mes ou os dous meses (xullo e agosto). En Bertamiráns, as actividades serán para todos os rapaces e durante todos os horarios no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, no pavillón e na Casa da Cultura desta localidade.
Neste programa ofrécese o servizo Bos Días, que se desenvolve ata as 9:00 horas, podendo o usuario/a escoller entre as modalidades con ou sen almorzo. De seguido, entre as 9:00 e as 14:30 horas, desenvólvense as actividades de lecer e educativas propias do servizo. Despois, os rapaces que non teñen solicitado o servizo de comedor son recollidos por seus pais ás 14:30h, mentres que os que xantan na Escola de Verán rematan as 16:00 horas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Vinteún mozos en risco de exclusión social uníronse a Escola de verán"
La Voz de Galicia: "La Escola de Verán amiense atiende a 21 niños de familias sin recursos"




