[19-03-2018] O Concello de Ames participou novamente na campaña de esquí, que organizou a Deputación da Coruña na estación de Manzaneda. No total, participaron 14 mozas e mozos do concello que, durante a súa estadía, puideron gozar da neve e realizar diferentes actividades relacionadas co esquí. O programa, que se desenvolveu entre o 9 e o 12 de marzo, estivo dirixido a rapazas e rapaces nados entre o 2003 e o 2007.
A Deputación Provincial da Coruña puxo en marcha neste 2018 unha nova campaña de esquí, que se desenvolveu entre o 2 de febreiro e 12 de marzo, en cinco quendas, na estación de Manzaneda. Na campaña, tamén participou o Concello de Ames, coa asistencia dun grupo de 14 mozas e mozos do termo municipal. O obxectivo da campaña foi o de fomentar a familiaridade das rapazas e rapaces da provincia cos deportes de inverno e coa neve.
As 14 mozas e mozos de Ames estiveron entre o 9 e o 12 de marzo na estación de Manzaneda, onde tiveron a oportunidade de practicar diferentes actividades relacionadas co esquí. As prazas estiveron destinadas a rapazas e rapaces empadroados no Concello de Ames e nados entre os anos 2003 e 2007, tendo preferencia aquelas e aqueles que nunca tiveran participado nunha destas campañas da Deputación.
Diariamente, a programación comezaba ás 10:00 horas, con clases de esquí e coa realización doutras actividades deportivas e de tempo libre, seguidas dunha pausa ás 13:15 horas para xantar. Pola tarde, entre as 14:15h e as 19:00 horas, as rapazas e rapaces volvían practicar novamente actividades deportivas e de tempo libre. A cea tiña lugar ás 20:30 horas e as actividades da noite, as veladas e os concursos comezaban ás 21:30h. Ademais, as mozas e mozos participantes tiñan diariamente unha media hora reservada, entre as 21:00h e as 21:30 horas, para chamar as súas familias. Xunto coas mozas e mozos de Ames, tamén participaron nesta última quenda da campaña rapazas e rapaces dos Concellos de Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.
Contido relacionado
Compostela 24 Horas: "Un grupo de 14 niños y niñas de Ames participaron en la campaña de esquí organizada por la Diputación de A Coruña"
Ames Go: "14 mozas e mozos de Ames participaron na campaña de esquí organizada pola Deputación da Coruña"