Pestanas principais

Un grupo de 12 alumnas, que participan no proxecto HERA, están realizando prácticas en empresas de Ames e de Santiago de Compostela

Martes, 17 de xuño de 2014

[17-06-2014] O Concello de Ames, a través das concellarías de Benestar Social e Promoción Económica e Traballo, puxo en marcha a comezos do mes de marzo, o proxecto HERA, un programa que busca a mellora da empregabilidade das mulleres amienses con especiais dificultades de inserción. Neste proxecto están participando 20 mulleres de Ames cun perfil moi determinado, que recibiron máis de 200 horas de formación en competencias claves e nun itinerario de comercio e hostalería. Trala formación teórica comezaron coas prácticas en empresas. Na actualidade, 12 alumnas están completando 80 horas de prácticas en diferentes empresas de Ames e de Santiago de Compostela.

No contexto económico e de emprego que está vivindo a sociedade actual, e que afecta de maneira especial á muller, dende o Centro de Información á Muller do Concello de Ames deuse un paso máis poñendo en marcha un programa de inserción laboral e social, en igualdade de oportunidades, a través de programas formativos de mellora da empregabilidade das mulleres. Trátase dun proxecto innovador dentro dos Servizos Sociais do Concello de Ames a través do cal se pretende incrementar os niveis de empregabilidade e facilitar a inserción laboral das mulleres con especiais dificultades de inserción social.

Neste proxecto están participando 20 mulleres que asistiron a cursos de formación sobre aquelas profesións máis demandadas polo mercado de traballo, nos que non existe formación regulada. Primeiro, as 20 alumnas participaron nunhas xornadas de orientación laboral que se desenvolveron durante a primeira semana do curso. A continuación, comezaron cun itinerario de competencias claves. As alumnas xa recibiron formación en materias como lingua galega, matemáticas e lingua castelá.

Unha vez rematada a formación en competencias claves, que tivo unha duración de 80 horas, realizaron un curso de manipulador de alimentos de 4 horas. De seguido comezaron co itinerario de comercio e hostalería, no que recibiron 76 horas de formación. Tamén tiveron que participar en cursos de informática e de outplacement - coaching para a recolocación, que tivo 16 horas de duración.

Na actualidade, un grupo de 12 alumnas están realizando 80 horas, repartidas en 10 días, de prácticas en empresas de Ames e de Santiago de Compostela, que están relacionadas cos sectores dos itinerarios que realizaron. Este proxecto, que está sufragado conxuntamente entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña, desenvolverase ata finais do mes de xuño no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, situado na urbanización de Aldea Nova.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explica que “atendendo á situación de desequilibrio existente na que se atopa a muller dentro do mercado de traballo, consideramos primordial traballar na diminución da taxa de desemprego e aumentando a taxa de empregabilidade das mulleres con especiais dificultades de inserción social. Para iso deseñouse un curso o máis completo posible para que non só sexa útil para que as alumnas atopen traballo na actualidade, senón que tamén lles serva para dispor de novas posibilidades de emprego de cara ao futuro”.

Potenciación da empregabilidade
Por outra banda, houbo sesións de orientación individualizadas durante todo o curso. A titora encargada de impartir estas sesións analizou ás necesidades especificas de cada muller potenciando a súa empregabilidade e dotándoas de recursos, habilidades e destrezas co fin de alcanzar a incorporación efectiva ao mercado de traballo.

Os principais obxectivos do proxecto HERA son mellorar os niveis de formación e cualificación, promocionando a reciclaxe profesional das usuarias; dinamizar a promoción do autoemprego; e personalizar a orientación cara as necesidades formativas e inserción laboral.