[29-05-2017] Dende o pasado mes de outubro o Concello de Ames está desenvolvendo unha nova edición de Amessan no que participan arredor de 500 persoas. Este programa inclúe actividades de ximnasia terapéutica, manualidades, obradoiros de música tradicional e de memoria, que se desenvolven nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Nesta edición, como novidade, increméntanse dous grupo de ximnasia terapéutica, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro; incrementouse nun mes a duración do programa finalizando a finais de xuño, e organizouse unha excursión á Illa de Arousa, Caldas de Reis e Barro. Trátase dun programa que leva funcionando dende o ano 2004.
A oferta do curso 2016/17 inclúe obradoiros de manualidades, memoria, música tradicional e ximnasia terapéutica. Como novidade este ano aumentouse o número de grupos de ximnasia terapéutica, ante a alta demanda de persoas usuarias. Deste xeito, incrementouse un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Estas actividades están dirixidas a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames e aquelas persoas que contan cunha discapacidade. Neste programa municipal, que leva funcionando dende o ano 2004, participan unhas 500 persoas.
As actividades do programa Amessan impártense nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro. As clases comezaron no pasado mes de outubro e rematarán a finais do mes de xuño. Esta é outra das novidades desta edición xa que se incrementou nun mes a duración do programa. Para comezos do mes de xullo está previsto que se realice a clausura de dito programa.
Por outra banda, este ano por primeira vez organizouse unha excursión para os usuarios/as deste programa. Así, esta pasada fin de semana un grupo de 110 persoas, que participan nas actividades de Amessan, foron de excursión aos concellos da Illa de Arousa, Caldas de Reis e Barro. Na Illa de Arousa visitaron o centro de interpretación da Conserva, o miradoiro O con do Forno, e o parque natural de Carreirón. Despois comeron e bailaron nun restaurante situado no concello de Caldas de Reis, e por último, visitaron a Fervenza da Barosa no concello de Barro. O alcalde de Ames, José Miñones, recibiu aos participantes na excursión cando chegaron de volta O Milladoiro.
A concelleira de Participación e Atención Veciña, Isabel González, explica “a verdade que para min é un orgullo que un programa que naceu no 2004 siga a ter case 500 usuarios/as por todo o concello nas diferentes actividades que se imparten”. Isabel González agradeceulle a concelleira de Turismo da Illa de Arousa pola súa amabilidade e por facernos de guía nas visitas que fixemos. Asemade, agradeceu o traballo dos traballadores/as municipais e a asistencia dos veciños e veciñas que participaron nesta excursión.





