[30-11-2012] O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, organizou durante este mes dúas actividades informativas relacionadas coa saúde dos maiores. Este mércores pechouse este ciclo de actividades cun obradoiro sobre a diabete, que se desenvolveu no local social de JUPEMI. Esta actividade foi impartida por María Teresa Lord Rodríguez, enfermeira educadora en diabete do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela. A esta actividade asistiron a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, Dolores Fernández, a concelleira de Muller e Igualdade, María González, e o concelleiro de grupo municipal popular, Alfonso Rey.
Este mércores pola tarde pechouse o ciclo de charlas e obradoiros que organizou a concellaría de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores para os maiores amienses. Esta programación de actividades rematou cun obradoiro de diabete que impartiu María Teresa Lord Rodríguez, enfermeira educadora en diabete do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
En primeiro lugar os asistentes tiveron que cubrir unha ficha onde se abordaban varias cuestións relacionadas con esta enfermidade. Deste xeito, a poñente puido comprobar cales eran os coñecementos que tiña cada participante sobre a diabete. A continuación impartiuse unha charla na que se falou de que é a diabete ou cales son as causas que provocan esta enfermidade. Esta actividade foi totalmente gratuíta e desenvolveuse no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (JUPEMI).
Outras das actividades que se desenvolveron dentro deste ciclo foi a charla sobre o Alzheimer, que impartiu Pablo Mirás Sánchez, psicólogo de AGADEA (Asociación galega para a axuda dos enfermos con demencia tipo alzheimer). Esta actividade, que se titulada Memoria e Enfermidade, tamén tivo un gran éxito de participación.





