Pestanas principais

Un goberno incapaz e autoritario que ignora as verdadeiras prioridades da veciñanza

Mércores, 18 de xuño de 2025

O grupo municipal do BNG fixo balance dos dus anos do goberno do PSOE, apoiado nun pacto co Partido Popular,  cualificándoo dun  equipo moi feble, que ten demostrado a súa incapacidade para xestionar con eficacia os recursos públicos,  “non ten nin propostas nin proxectos novos está a vivir das herdanzas do pasado, moitas delas políticas desenvolvidas polo BNG”, manifestou a voceira, Escarlata Pampín.  

Segundo o BNG, “Ames precisa máis vivenda pública, máis espazos verdes como, por exemplo, un corredor verde que una o Parque do Ameneiral coa travesía da Peregrina ou un pulmón verde no centro do Milladoiro. Precisa blindar a vellez dos nosos maiores cuns centros de día públicos. Precisa políticas específicas de reactivación do comercio, sobre todo no Milladoiro. Ames merece ter conectado mediante transporte público o rural cos núcleos urbanos e Milladoiro e Bertamiráns entre si”.

Como exemplo da ineficiencia do goberno, os nacionalistas  mencionaron a posta en marcha da cociña central que  formaba parte do acordo político entre o goberno e o BNG de cara á facilitar, coa súa abstención, a aprobación dos orzamentos 2024, “O partido socialista comprometeuse a que esta cociña central estaría posta en funcionamento no curso 2024-2025, curso que remata este mesmo venres sen dispor desa cociña central”, sinalan. 

“Vemos tamén como día tras día, lles falla ás asociacións e ós diferentes colectivos sociais ó gobernar e tomar decisións sen diálogo e sen chegar a consensos reais. De nada serve facer Consellos Sectoriais se neles non se teñen en conta as opinións e necesidades dos veciños e veciñas se estas son contrarias ás propostas ou intencións do goberno. O mellor exemplo disto é ese novo Regulamento de Comedores Escolares que non conta co respaldo da Comunidade Educativa do noso concello” lembran os nacionalistas.

Escarlata Pampín sostivo tamén que os socialistas “Ignoran as verdadeiras prioridades da veciñanza, como o acceso a unha vivenda digna, cuestión que para o BNG é fundamental. É preciso poñerlle freo  dun xeito contundente e decidido mediante, por exemplo, a declaración de zona residencial tensionada ou a posta en circulación do elevado número de inmobles baleiros”.

Destacaron que o non contar cuns orzamentos para este exercicio 2025 actualizados ás necesidades reais do concello “deixa patente que  este é un goberno personalista e autoritario, que non dialoga coa oposición, situación que motiva que periguen moitos investimentos comprometidos coa veciñanza, como por exemplo, o centro de Mocidade do Milladoiro”,  indica Escarlata,“A día de hoxe o alcalde mente cando di que se vai a rematar, xa que esa obra non conta con ningún crédito asignado e polo tanto a súa licitación está paralizada”, explica.

Un goberno incapaz e autoritario que ignora as verdadeiras prioridades da veciñanza

Multimedia

  • Un goberno incapaz e autoritario que ignora as verdadeiras prioridades da veciñanza