[15-03-2014] Na fase clasificatoria da zona de Compostela do Club de Debate que tivo lugar este venres, 14 de marzo, no Concello de Teo, as rapazas e rapaces do IES Parga Pondal, de Carballo, e do IES Plurilingüe de Ames, foron os clasificados en primeiro e segundo lugar, respectivamente, e pasan á final galega que terá lugar o 26 de abril en Ferrol. A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, estivo no acto de presentación da fase comarcal do Club de Debate acompañando aos rapaces e rapazas do concello de Ames.
A xornada comezou sobre as 09:30 horas coa benvida do alcalde de Teo, Martiño Noriega, que estivo acompañado das concelleiras de Normalización Lingüística de Teo, Carme Hermida, de Ames, María Eugenia Martín, e de Santiago, Rebeca Domínguez.
Nesta fase comarcal participaron tres equipos do IES Plurilingüe de Ames; un equipo do IES de Cacheiras; dous do IES Antonio Fraguas e un do Rosalía de Castro de Santiago; e un do IES Isidro Parga Pondal de Carballo. Un dos incentivos para participar no Club de debate, aínda que non sexa o único, son os premios. Os equipos clasificados na fase comarcal reciben cadanseu premio en material cultural, educativo ou deportivo valorado en 500 e 300 euros.
O equipo que consiga a vitoria na final galega do 26 de abril recibirá como premio unha viaxe-convivencia dunha fin de semana para 20 persoas nun lugar da xeografía galega no que poida tamén poñer en práctica o idioma para coñecer novos aspectos da súa realidade.
Nesta terceira edición do Club de Debate participan os Concellos de Ames, Teo, Carballo, Ferrol, O Carballiño (novidade este ano), Pontevedra, Rois e Santiago.
O salón de plenos de Teo encheuse este venres de oradores. Concretamente os oradores do futuro. Oito equipos formados por máis de 70 rapaces de 4º da ESO e 1º de Bacharalato tiveron que tirar de argumentos a favor e en contra do seguinte tema:Nós, á nosa idade, o que temos que facer é estudar e pasalo ben.
As obrigas dos adolescentes rematan en estudar e divertirse? Chega para formase como persoa cumprir con eses deberes? Son precisos outros elementos para ter un futuro mellor, mesmo para enfrontarse ó mundo laboral? Todas estas preguntas e moitas outras foron plantexadas polos equipos, todos eles mixtos, unha das condicións das bases de funcionamento do Club de debate.
Cada un dos grupos tivo que posicionarse a favor e en contra e durante o desenvolvemento dos debates ademais de presentar a súa argumentación debía responder ás interpelacións do equipo contrario. Sen dúbida un bo adestramento para a súa formación como estudantes e persoas. Mesmo varios participantes tiveron a oportunidade de facer declaracións aos medios de comunicación, sobre a súa experiencia. Falar en público e facelo diante dun micrófono non é algo habitual, nin sequera para moitos adultos/as. Así que sen dúbida o Club de Debate acadou hoxe un dos seus obxectivos fundamentais, fomentar e normalizar o uso do galego en contextos formais e informais.




