Pestanas principais

Un equipo de técnicos do Consello de Contas estivo esta semana no Concello de Ames para continuar coa auditoría contable do 2013

Sábado, 05 de marzo de 2016

[05-03-2016] O Consello de Contas de Galicia está realizando unha auditoría contable no Concello de Ames correspondente ao exercicio 2013. Este traballo comezou en xuño de 2015 e continuou no pasado mes de novembro coa visita á Casa do Concello do auditor do Consello de Contas para manter unha xuntanza coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e co interventor municipal, José Antonio Rueda. Esta semana, déuselle continuidade a este traballo coa visita dun grupo de técnicos desta entidade autonómica que estiveron revisando varios expedientes do exercicio 2013 nos departamentos de persoal, contratación, intervención e informática.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “os técnicos do Consello e Contas desprazáronse esta semana ata as instalacións do Concello para ver e revisar varios expedientes nos departamentos municipais de persoal, contratación, intervención e informática. Estes técnicos estiveron acompañados en todo momento dos responsables de cada área que se responderon a todas as dúbidas que lle xurdiron”.

Cómpre lembrar que o Consello de Contas de Galicia, en sesión plenaria do 22 de decembro de 2014, aprobou o seu Plan de Traballo para o ano 2015. Entre as actividades previstas na Área de Corporacións Locais figura a fiscalización da actividade económico-financeira do Concello de Ames correspondente ao exercicio 2013. A coordinación co Consello de Contas e o envío formal da documentación estase canalizando a través do departamento de intervención.

Deste xeito, dende o pasado mes de xullo de 2015, momento no que comezou a realizarse a auditoría, dende o departamento de Intervención enviouse a documentación que foi solicitada por esta entidade. A devandita auditoría contable inclúe a revisión do orzamento, da liquidación e da conta xeral do exercicio 2013.

Tamén se está fiscalizando o sistema contable, o control interno e a xestión orzamentaria. Así, analízanse cuestión como modificacións orzamentarias, recoñecemento extraxudicial de créditos, xestión tributaria, transferencias recibidas (do Estado e do Fondo de Cooperación Local), subvencións outorgadas, cargos electos, persoal (funcionario e laboral), contratación e endebedamento financeiro.

O traballo de fiscalización complétase co estudo das magnitudes da liquidación do orzamento do exercicio 2013: resultado orzamentario, aforro neto, saldo non financeiro e remanente de tesouraría (fondos líquidos, dereitos pendentes de cobro e obrigas pendentes de pago).

A concelleira de Economía e Facenda engadiu que “eu mesma tamén estiven cos técnicos do Consello de Contas respondendo a todas as dúbidas que tiñan. Nas vindeiras semanas seguiremos enviando a documentación que nos soliciten. Dende o goberno amosamos unha vez máis a nosa total colaboración co Consello de Contas para que realice esta auditoría contable”.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Continúan con la auditoría del año 2013 al Ayuntamiento"