Pestanas principais

"Un cranio furado", favorita para os XV Premios de Teatro María Casares, representarase hoxe no Milladoiro

Venres, 18 de marzo de 2011

[18-03-2011] A obra de teatro "Un cranio furado", dirixida por Quico Cadaval, será representada hoxe ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. A obra, con dez candidaturas, é a favorita para os XV Premios de Teatro María Casares, cuxa cerimonia terá lugar o 23 de marzo no Teatro Rosalía de Castro na Coruña. A peza xira arredor do traslado dos restos da esposa dun enterrador nunha vila que podería ser calquera de Galicia.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle hoxe a representación da obra "Un cranio furado", da compañía Producións Teatrais Excéntricas, de Quico Cadaval. A obra, centrada nun chuvioso cemiterio, é a favorita para os XV Premios de Teatro María Casares. A representación terá lugar ás 21:00 horas. No elenco desta obra atopamos a Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Santi Romay.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia anunciou recentemente as nominacións aos María Casares. "Un cranio furado" destacou sobre o resto acadando dez candidaturas. Outras obras representadas en Ames, como "Memoria de Helena e María", con sete candidaturas, ou "Life is a paripé", con catro, tamén concorren nesta XV edición dos premios. O día 23 de marzo desvelaranse os gañadores nun acto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña que será retransmitido pola Televisión de Galicia.

Un cranio furado traslada ao espectador a un país de solo acedo e abondosa choiva. A emigración de veciños e a gran relixiosidade son características do lugar, podendo ser tanto Connemara como Bergantiños. No cemiterio arredor dunha cova aberta convócase toda a curiosidade e a malicia dos superviventes. O enterrador local, Mick, ten que trasladar os restos da súa esposa, morta sete anos atrás de accidente de tránsito. Mais hai moitos que pensan que non foi un accidente. Entre eles, Tom, un policía local.

Ademais Mary-Johny, prefire non dicir nada, porque aínda é media prima do coveiro. Por outra banda hai un rapaz, confundido pola vida nocturna, que serve de axuda ou de estorbo a Mick, o sospeitoso. Non é unha peza de terror, non é un policial inglés, non é unha serie de TV de forenses, non é unha festa dos defuntos, mais ten un pouco de todo.

Hoxe a veciñanza de Ames terá ocasión de ver a representación e achegarse así a unha das obras máis senlleiras do panorama teatral galego actual. Poderán así xulgar, o día 23, se os María Casares deste ano fan xustiza ao talento desta peza.