Pestanas principais

Un cento de persoas asistirán mañá domingo á festa de clausura do programa Amessan no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Sábado, 30 de maio de 2015

[30-05-2015] O Concello de Ames clausura mañá domingo o programa Amessan cunha gran festa no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta iniciativa dirixida ás persoas maiores de 60 anos desenvolveuse dende o mes de outubro e nela participaron un total de 371 veciños. Trátase dun servizo que ofrece actividades como ximnasia terapéutica, ludoteca cognitiva, obradoiro de música e baile tradicional, manualidades e clases de inglés.

Nos últimos anos o programa Amessan ten unha alta participación. A súa finalidade é impulsar o benestar físico, psicolóxico e social da poboación maior do concello de Ames, a través de diferentes actividades. Lógrase así que os maiores saian da casa, coñezan xente, estean entretidos e ao mesmo tempo fagan exercicio.  

As sesións impartíronse da man de oito monitores en lugares como Agrón, Augapesada, Ameixenda, Bertamiráns, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Milladoiro, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Deste xeito, as clases repartíronse por practicamente todo o territorio amesán, chegando a un gran número de usuarios.

Ao acto de clausura, que dará comezo ás 18:00 horas, está previsto que acudan un cento de participantes. Contará coa música do dúo “Eva e Camilo” e as actuacións dos alumnos de baile tradicional. Haberá un servizo gratuíto de autobuses dende os locais sociais de Ameixenda -17:15 horas- e do Milladoiro -17:30- ata o Pazo da Peregrina. E ao remate da festa, ás 20:30 horas, farán a viaxe de volta.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cierra hasta otoño el programa saludable de mayores, con 371 usuarios"