[08-04-2015] A aula de informática do Milladoiro impartiu durante o ano pasado 11 obradoiros e cursos aos que asistiron un total de 96 persoas. Ademais, no horario de Aula Aberta houbo un total de 1.811 consultas e déronse de alta 39 novos usuarios. Para os vindeiros meses o centro xa ten preparadas novas actividades gratuítas dirixidas a persoas de todas as idades.
Do 20 ao 23 de abril desenvolveranse unhas xornadas de iniciación á Internet, dirixidas a maiores de 18 anos. Serán en horario de 10:00 a 11:30 horas e de 18:00 a 19:30 horas. En maio impartirase un curso de iniciación ao procesador de textos Writer, tamén enfocado a persoas maiores de 18 anos. As sesións terán lugar entre os días 18 e 21 de maio, en horario de 10:00 a 11:30 da mañá e de 18:00 a 19:30 horas da tarde.
Nos meses de xuño e xullo, a aula acollerá dous obradoiros de mecanografía para nenos. O obradoiro de xuño está dirixido a rapaces de 9 a 11 anos. Neste caso o curso impartirase entre os días 1, 2, 3, 4 e 8 de xuño, en horario de 16:15 a 17:15 horas. En xullo, aproveitando as vacacións de verán, o curso de mecanografía realizarase do 6 ao 10 de xullo, en horario de mañá, de 11:00 a 12:00 horas. Este obradoiro está dirixido aos nenos de 12 a 15 anos. Estes cursos teñen unha duración de cinco horas e contan con 10 prazas dispoñibles para cada mes.
Aberto o prazo de inscrición
O prazo de inscrición xa está aberto e as solicitudes deberán realizarse na propia aula, situada na Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá un máximo de dez alumnos en cada sesión e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Para optar a unha das prazas é imprescindible estar empadroado no Concello de Ames. Ademais terán prioridade as persoas que non realizaron esas mesmas actividades en trimestres anteriores. As inscricións haberá que facelas en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00 a 20:00 horas, e os venres de 9:30 a 13:30 horas. Máis información sobre estes cursos no teléfono 981 535 940 ou no correo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.org.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El aula de informática formó a cien personas en Ames a lo largo de 2014"




