Pestanas principais

Un cento de obras preséntanse ao XII Certame Literario de Narrativa e Poesía do Concello de Ames

Mércores, 15 de abril de 2015

[15-04-2015] A décimo segunda edición do Certame Literario de Narrativa e Poesía do Concello de Ames reuniu un total de 105 traballos. A maioría proceden de toda Galicia e hai unha ampla representación da veciñanza amesá, pero tamén chegaron obras de Valencia, Valladolid, Ponferrada, Albacete ou Lleida.

A participación mantívose en relación aos anos anteriores; na modalidade de poesía hai 46 traballos mentres que a de narrativa chega a 59. O xurado estará composto polos escritores Mariña Pérez Rei e Alfredo Conde Cid e a crítica literaria Mar Fernández Vázquez.

Este Certame Literario é xa un concurso de referencia dentro do mundo da poesía e a narrativa, no que pode participar calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Establécense tres categorías –infantil, xuvenil e adulta– e os premios en metálico van dos 120 aos 260 euros.

Os gañadores anunciaranse o 11 de maio e os premios entregaranse o mércores, 13 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais os gañadores verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos que foron premiados en cada edición.

Lectura das obras premiadas durante o Día do Libro
Este sábado, 18 de abril, o Concello de Ames celebra o Día do Libro cun amplo programa de actividades, entre as que se inclúen a presentación do libro da XI edición do Certame Literario de Narrativa e Poesía, que recolle as obras gañadoras do ano pasado, e que serán lidas polos premiados.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un centenar de obras se presentan al certamen de narrativa y poesía de Ames"