Pestanas principais

Un cento de karatekas competirán este sábado no VII Trofeo de Karate Concello de Ames

Xoves, 23 de abril de 2015

[23-04-2015] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este sábado a sétima edición do Trofeo de Karate Concello de Ames. Arredor de 100 deportistas de entre 3 e 13 anos competirán nas categorías de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete, tanto feminino como masculino. A competición, organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración coa Concellaría de Deportes, comezará ás 16:30 horas.

Os karatekas, do Akai Ryu de Negreira, o Avalon Kai de Santiago e do club anfitrión, competirán nas modalidades de kata individual –exhibición– e kumite –combate–. No primeiro caso, os participantes compiten en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, levando a cabo movementos de defensa e ataque. Neste tipo de exercicios mídese a potencia, a calidade técnica e a destreza do participante nos seus movementos.

Na modalidade de kumite competirase en parellas, nun combate sen contacto entre ambos os dous membros. Os rapaces irán en todo momento protexidos con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, está prohibido tocar o casco do rival, como norma para a protección da integridade física dos participantes. Ao finalizar realizarase a entrega de trofeos.  

O presidente do Club Deportivo Karate Ames, Javier García Guldrís, sinala que serán unhas probas “sinxelas para os benxamíns pero de medio ou elevado nivel para os xuvenís, nas que se require moito equilibrio, concentración, precisión e velocidade”. Segundo el, o karate é unha disciplina “moi interesante porque se traballa con todas as partes do corpo e esixe unha correcta execución de movementos coas distintas extremidades". Ademais, ao tratarse dunha práctica tanto individual coma grupal, indica que favorece a sociabilidade dos nenos máis introvertidos.  

García Guldrís apunta que a constancia, a perseveranza, a humildade e o autocontrol son características dun bo karateka. No seu club, que conta con medio cento de usuarios, transmiten os valores de deportividade e respecto cara ao compañeiro. O directivo asegura que neste tipo de competicións “os nenos aprenden a superar os seus propios medos, gañando confianza en si mesmos”.