[14-04-2011] A convocatoria do evento internacional "A noite de Yuri" achegou este martes á noite unha centena de persoas de todas as idades ao paseo fluvial de Bertamiráns, para unha observación astronómica coordinada coas que se fixeron arredor de todo o planeta na xornada. A iniciativa serve anualmente para lembrar a primeira saída ao espazo dun ser humano, o astronauta soviético Yuri Gagarin, fito do que se cumpriron onte cincuenta anos. As persoas participantes tiveron a oportunidade de aprender máis sobre diversos astros celestes como Saturno, Sirius ou o noso satélite, a Lúa. A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, achegouse ata o paseo fluvial para participar nesta actividade.
"A noite de Yuri" é un evento internacional que consiste nunha observación astronómica coordinada na xornada de aniversario da viaxe de Yuri Gagarin ao espazo, a primeira deste tipo protagonizada polo ser humano. Cada 12 de abril lévase a cabo arredor do mundo esta iniciativa coa que se pretende chamar a atención sobre o estudo do cosmos e a observación astronómica, achegando ademais este campo do saber a todas as persoas interesadas que se acheguen a un dos puntos de observación. O paseo fluvial de Bertamiráns acolleu onte un deses puntos, o único en Galicia xunto ao que se instalou na cidade de Ourense.
Arredor de cen persoas participaron na convocatoria, que arrincou ás 21:30 h. e contou con cinco telescopios do Club Compostelán de Astronomía Vega, que organizaba o evento xunto ao Concello de Ames. Oito membros deste club guiaron aos participantes polo apaixonante mundo da observación astronómica. O primeiro que se fixo, aproveitando a luz natural, que aínda había na hora do comezo, foi enfocar a Lúa, mentres se explicaba aos asistentes características do noso satélite, indicando os nomes de algúns dos seus famosos cráteres, cordilleiras ou mares, que son extensas chairas de solo basáltico da superficie luar. Mentres se daban estas informacións, e ao longo de toda a observación, un proxector amosaba nunha pantalla imaxes do primeiro voo que fixo Yuri Gagarin. Ademais, explicouse máis sobre este feito histórico e amosáronse fotografías doutras observacións astronómicas anteriores en Ames.
Cando escureceu empregáronse dous telescopios para enfocar o planeta Saturno. Así puideron verse tanto os seus característicos aneis como a súa atmosfera gasosa. Enfocouse tamén o astro Sirius, a estrela máis brillante de todo o ceo nocturno observable desde o noso planeta. A partir das 23:00 horas puidéronse observar un cúmulo de estrelas, as "Pléyades", ou "pombas" en grego. Outra das observacións que se realizou foi para observar a nebulosa de Orión, que é o lugar onde nacen as estrelas que está máis preto da Terra.
As persoas que se achegaron ao paseo fluvial de Bertamiráns non só recibiron información sobre os corpos celestes que estaban vendo. Ademais disto, a xente interesouse polo material básico preciso para comezar a facer observacións. Desde o Club Vega explicaron como levar a cabo actividades deste tipo sen gastar moitos cartos, para o cal pode comezarse por adquirir uns prismáticos antes dun telescopio. Un dos telescopios usados fora feito polos propios membros do club, que explicaron o proceso de elaboración do mesmo.
A iniciativa permitiu que o noso Concello fose un dos poucos puntos de España e o único en Galicia xunto a Ourense que se sumou á iniciativa mundial da "Noite de Yuri". Entre as persoas que se achegaron ao paseo fluvial de Bertamiráns había xente de todas as idades, incluídos nenos en compañía dos seus pais.
A concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, achegouse ata o paseo fluvial para participar nesta actividade. Seijas agradeceulle o Club Compostelán de Astronomía Vega que "se achegasen ata Ames para organizar esta actividade. Puxeron o seus telescopios a disposición de todas as persoas que se achegaron ata o paseo fluvial de Bertamiráns para participar nesta actividade e resolveron pacientemente todas as dúbidas que lle plantexaron".