Pestanas principais

Un centenar de mozos e mozas amienses participaron nas actividades programadas na Semana da Xuventude

Luns, 06 de agosto de 2012

[06-08-2012] As actividades programadas no marco da Semana da Xuventude, organizada polo Concello de Ames, a través da concellaría de Xuventude, contaron coa asistencia dun cento de mozos e mozas amienses. Os participantes puideron gozar durante toda a semana pasada de obradoiros, charlas informativas, deportes de aventura e exhibicións de cultura urbana. Ademais, os rapaces e rapaces puideron obter información dos programas dirixidos á mocidade galega grazas á instalación dunha carpa da Dirección Xeral de Xuventude en Tapia.

As actividades da Semana da Xuventude remataron o venres no Milladoiro coa celebración dun concorrido obradoiro de Cultura urbana, no que os asistentes presenciaron exhibicións e participaron activamente en obradoiros de graffite e de breakdance. O aparcadoiro da Casa da Cultura encheuse de mozos e mozas que gozaron das iniciativas que se levaron a cabo entre as 17:00 e as 20:00 horas.

A semana da xuventude foi unha iniciativa dirixida a toda a mocidade amiense para que ocupase o seu tempo de lecer nas vacacións de verán con actividades lúdicas e formativas. O obxectivo da Concellaría de Xuventude é seguir programando actividades pensadas na mocidade amiense, que melloren a súa calidade de vida, a súa formación e o seu tempo de ocio.

Formación e lecer
Ao longo da semana, leváronse a cabo diversas iniciativas destinadas aos mozos e mozas de Ames, como un obradoiro de busca de emprego na Aula CeMIT ou unha charla informativa sobre a axuda de 200 euros que proporciona a Xunta de Galicia para obter o carné de conducir.

A praia fluvial de Tapia acolleu o día 1 de agosto as actividades de deporte de aventura programadas no marco da Semana da Xuventude. Nesa xornada, moitos mozos e mozas amienses achegáronse ata Tapia para gozar de actividades como o paintball ou o descenso en canoa desde Portomouro. Ademais, a Dirección Xeral de Xuventude instalou unha carpa na praia fluvial, onde os asistentes puideron obter información sobre os programas que están dirixidos á mocidade galega, así como realizar o seu carné xove.