Pestanas principais

Últimos días para presentar traballos ao concurso de vídeos na rede “Youtubeir@s”

Martes, 25 de abril de 2017

[25-04-2017] Este venres, 28 de abril, é o último día para participar na primeira edición de Youtubeir@s, o concurso de vídeos na rede. Esta iniciativa pretende fomentar a videocreación en galego na segunda rede social máis empregada do mundo, Youtube, a través de dúas categorías, vídeo-opinarmos e vídeo-facermos. Poden participar todas as  persoas maiores de 14 anos con vídeos de ata cinco minutos de duración. Hai 4.000 euros en premios que se repartirán entre as persoas gañadoras nun acto que se celebrará o venres 26 de maio, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Ourense.

Neste momento xa se poden ver na canle de Youtube de Youtubeir@s todo tipo de vídeos. Na categoría de vídeo-facermos hai dende receitas de cociña ata vídeos sobre como quitar os puntos negros do nariz ou como facer pasta de dentes para elefantes. Na categoría de vídeo-opinarmos as persoas participantes falan de temas tan diversos como a praga da couza guatamalteca, o amor na rede ou o deporte adaptado, entre moitos outros. O xurado, composto por Manolo González, María Lado, Manuel N. Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa xa comezou o seu traballo de visionado das pezas.

O prazo para presentar vídeos a este concurso remata o día 28 de abril, ás 00:00 horas. Despois de cinco meses de concurso, esta primeira edición de Youtubeir@s rematará con máis de cen vídeos inscritos. Todos os vídeos participantes teñen que estar publicados na plataforma de vídeo de Youtube (sen restricións de privacidade) coas etiquetas #youtubeiras ou #youtubeiros na descrición. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos autoproducidos en galego dunha duración máxima de 5 minutos. Os vídeos participantes deben estar licenciados en Creative Commons.

Todo o mundo pode ser youtubeir@ porque tod@s temos algo que contar. Baixo esta premisa e para fomentar o acceso á videocreación, o programa Youtubeir@s impulsou dende decembro a abril máis de 20 obradoiros por toda Galicia impartidos pola produtora creativa Illa Bufarda.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, A Baña, A Coruña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Máis de cen vídeos optan aos 4.000 € en premios do concurso Youtubeir@s"