Pestanas principais

Últimos días para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios de educación e conciliación do Concello de Ames

Mércores, 29 de marzo de 2017

[29-03-2017] O Concello de Ames recorda que este venres, 31 de marzo, remata o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2017-2018 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. Os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org ou de xeito presencial no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou na oficina municipal do Milladoiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as instrucións para os procesos de renovación e preinscrición en ditos servizos.

O Concello de Ames informa de que está aberto o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2017-2018. Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través dun servizo on line ao cal se pode acceder a través da páxina web www.conciliames.org. Tamén se pode entrar na páxina web municipal www.concellodeames.gal e premer no banner Conciliames, que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal web municipal. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto ata o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.

O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou os últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.

Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será orientativo, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación. O modelo de autoliquidación de taxas para os servizos que se vaian a renovar, pódese solicitar á Recadación Municipal, enviando un correo electrónico ao enderezo ames@canaltributos.com.

Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir o impreso de solicitude, asinalo e presentalo no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro do departamento de Educación (no Pazo da Peregrina) ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os usuarios/as que renoven a súa praza deberán entregar o resgardo acompañado do xustificante de pago de taxas e do mandato SEPA.

Petición de cita previa
As persoas que non dispoñan de acceso a Internet, e das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line, terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Para iso terán que chamar ao número de teléfono 981 884 991 e sacar cita previa para ser atendidos en Bertamiráns ou no Milladoiro. A continuación, deberán achegarse ata o departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.

Prazas para o comedor do CEIP A Maía
As prazas libres que queden no comedor do CEIP A Maía (unha vez feitas todas as renovacións) serán adxudicadas ás familias que realicen a correspondente preinscrición, pero debido ás características de dito comedor e segundo se establece no regulamento publicado no BOP do 14 de xullo de 2011, haberá que realizar unha baremación das preinscrición por se hai máis solicitudes que prazas dispoñibles. Por iso neste caso, os solicitantes deberán presentar a documentación necesaria para a baremación. A información está dispoñible nos Rexistros e premendo baixo o apartado de descargas.

Servizos complementarios de educación e conciliación
Estes programas teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Os servizos complementarios de educación e conciliación (Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas) están dirixidos ao alumnado de infantil e primaria e funcionan actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.