Pestanas principais

Últimos días para participar na cuarta edición do Premio Lingua e Empresa

Xoves, 11 de novembro de 2021

O 16 de novembro remata o prazo para presentar candidaturas ao premio, unha iniciativa conxunta das Concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica de Ames. Poden participar empresas con sede social ou co seu centro de actividade no concello, que aposten polo galego na súa actividade económica e na comunicación, tanto no ámbito interno como no externo. Nesta cuarta edición, o premio continúa con dúas categorías, que diferencian entre empresas de nova creación ou que se sumaron ao galego recentemente e empresas que levan comunicando en galego desde hai máis de dous anos. Este premio está dotado con 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías, e cunha campaña de difusión publicitaria na radio municipal, Ames Radio.

Esta convocatoria promove o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames, concretamente no eido empresarial, dado que o uso lingua é un elemento que achega calidade, identificación, proximidade, diferenciación e innovación ao ámbito económico. A lingua é unha marca de calidade que todas as empresas teñen ao seu alcance. Con este premio, recoñécense cada ano varias entidades que xa están aproveitando esta vantaxe comunicativa para que sirvan de referente ou de motor para que outras se sumen.

O Premio Lingua e Empresa diferencia entre dúas categorías, valorando tanto ás iniciativas empresariais que incorporaran o galego nos últimos dous anos como ás que leven empregando a diario a nosa lingua de maneira prolongada, estable e continuada. Para presentar as súas candidaturas, as empresas poden solicitar cita previa nas oficinas de rexistro municipais de Bertamiráns ou do Milladoiro, de luns a venres, das 9:00 ás 14:00 horas, ou ben acceder ao trámite telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames, ata que o prazo remate o 16 de novembro ás 14:00 horas.

Oito empresas amesás premiadas dende o 2018

Un total de oito empresas foron premiadas nas tres edicións anteriores do galardón, que empezou a entregarse no ano 2018. Na edición inaugural, foron premiadas a empresa de animación infantil “Biosbardos”, a xestora e inmobiliaria “Xestiago” e a asesoría “Asesoría Xeral Galega”. No 2019, recibiron o recoñecemento do Concello o gastro-bar “Petiscos”, o estudo de deseño “Cenlitrosmetrocadrado” e a escola musical “Allegro”. Xa no 2020, a primeira edición dividida en dúas categorías, foron galardoadas a revista web “Código Cero”, na categoría de uso consolidado, e o centro óptico e auditivo “Ollar”, no apartado de nova incorporación e creación.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Prazo para optar ós premios Lingua e Empresa ata o vindeiro martes 16 de novembro"

Últimos días para participar na cuarta edición do Premio Lingua e Empresa

Multimedia

  • Últimos días para participar na cuarta edición do Premio Lingua e Empresa