[06-11-2018] Este xoves, 8 de novembro, remata o prazo para inscribirse nos obradoiros impartidos pola escritora María Lado no Milladoiro e polo poeta Carlos Negro en Bertamiráns. A través destes talleres, encadrados na iniciativa Escola de Escritoræs da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, preténdese achegar aos e ás participantes ao mundo da lectura e da creación literaria. Para inscribirse nalgún destes talleres, que se realizarán entre o 10 de novembro e o 15 de decembro, só hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que figuren nome e apelidos, teléfono de contacto, idade do/a participante e obradoiro escollido.

Ao abeiro da Escola de Escritoræs da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, o Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza para novembro e decembro dous obradoiros gratuítos impartidos pola escritora María Lado e polo poeta Carlos Negro co obxectivo de fomentar a creatividade en linga galega. A través desta iniciativa, ambos os profesionais buscan achegarlle a poesía e a narrativa ao público, como tamén fan nas súas obras, caracterizadas por unha visión moderna, actual e rupturista, que conectan moi ben co público xuvenil.
Así, estas actividades comezan o sábado 10 de novembro con Mastervers petiscos poéticos, un obradoiro de escrita creativa no que se pretende que os e as participantes poñan en palabras aquilo que xurda da súa imaxinación e intuición. Impartido polo profesor e poeta Carlos Negro, realizarase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns os sábados 10, 17, e 24 de novembro, e o 1 de decembro, en horario de 11.30 a 13.30 horas.
Por outra banda, os sábados 17, 24 (novembro),1 e 15 (decembro) levarase a cabo na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro conducido pola escritora María Lado, que se desenvolverá tamén das 11.30 ás 13.30 horas. A través desta actividade, que leva por título A literatura pode cambiar (un pouco) as nosas vidas, a artista achegará aos e ás participantes ao mundo da literatura, tanto á lectura como á escritura, dun xeito creativo e lúdico.
Ambas as dúas iniciativas, dirixidas a maiores de 15 anos, encádranse dentro da iniciativa Escola de Escritoras e Escritores, a través da que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) percorre concellos de toda Galicia impartindo obradoiros con diversos formatos e destinatarios, nos que se abordan distintos contidos e xéneros literarios. Os propios escritores/as son os encargados de achegar aos e ás participantes a un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces ao tempo que teñen como obxectivo concienciar do importante que é a estimulación creativa da escritura.
Relatores cunha longa traxectoria
María Lado comezou a escribir coa xente do Batallón Literario da Costa da Morte. Como poeta ten publicado varios libros individuais: A primeira visión, Casa atlántica, Berlín, Nove, Amantes... Nos últimos anos achegouse ao público infantil con obras como Oso, mamá, si; Porque Cuqui non quere ir á lavadora; Libro de poemas para crianzas en 5 minutos. Lado é autora tamén dunha novela para público xuvenil Entre os dous hai un río.
Desde o ano 2005, coa poeta Lucía Aldao, participa en recitais escénicos baixo o nome Aldaolado.
Carlos Negro é profesor de Lingua e Literatura Galega no IES de Bertamiráns, autor de textos poéticos como As Laranxas de Alí Babá, Far-west, Héleris, Cultivos Transxénicos, Makinaria, Penúltimas Tendencias ou Tundra. Este ano recibiu o premio dos Clubs de Lectura 2018 e gañou o Jules Verne de literatura xuvenil con Aplicación instantánea.
Colabora habitualmente con diferentes programas do Concello a través do Servizo de Normalización Lingüística como poden ser o Certame Literario ou as actividades encadradas no Mes de Rosalía. O curso pasado foi o profesor coordinador do equipo do IES de Ames gañador do Club de Debate.
Como inscribirse
Para inscribirse en calquera destes obradoiros, que dispoñen de 20 prazas cada un, será necesario enviar, antes do 8 de novembro, un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que aparezan nome e apelidos, teléfono de contacto, idade e o nome do obradoiro no que se quere participar. A realización das actividades queda suxeitas a que a participación sexa, polo menos, de 10 persoas por obradoiro.





