Pestanas principais

Últimos días para inscribirse no campus de verán que organiza a Fundación Celta de Vigo no campo municipal do Milladoiro

Mércores, 23 de xullo de 2014

[23-07-2014] O concello de Ames acollerá por primeira vez un campus de verán organizado pola Fundación Celta de Vigo, que se desenvolverá entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no campo municipal de fútbol do Milladoiro. O campus está dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos. Todos os pais e nais que desexen apuntar aos seus fillos/as neste campus de verán deberán darse présa xa que o prazo de inscrición está a piques de rematar. As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste campus de verán.


O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo poñen en marcha o primeiro campus de verán de fútbol, que se desenvolve neste municipio, co obxectivo de que os nenos e nenas amienses practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus estará dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e levarase a cabo nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta iniciativa xurde con motivo do 10 aniversario da Peña Celtista do Milladoiro. Esta entidade está organizando varias actividades para conmemorar o seu décimo aniversario e unha delas é este campus de verán, que organiza a Fundación Celta de Vigo, e que conta coa colaboración do Concello de Ames e do Milladoiro SD.

O campus de verán da Fundación Celta de Vigo desenvolverase entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no campo municipal do Milladoiro. Este evento deportivo realizarase de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 1 de agosto de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus haberá una festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes. A cada neno/as que participe neste actividade entregáraselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que estará composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.

As clases serán impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo. O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos recibirán unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Todos os días os participantes disporán dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas.

Trátase dun importante campus xa que o Real Club Celta de Vigo recibiu este ano o premio especial de apoio á canteira, que concede Fútbol Draft, unha entidade que conta co apoio activo de tódalas institucións do fútbol nacional.

O prezo deste campus é de 130 euros. Os rapaces e rapazas empadroados no Concello de Ames e os que xoguen no Milladoiro SD disporán dun prezo especial de 115 euros. Para inscribirse haberá que cubrir a ficha de inscrición que se pode obter na páxina web do Concello de Ames (www.concellodeamers.org) ou na web da Fundación Celta de Vigo (www.fundacioncelta.com). Unha vez cuberto o impreso de inscrición haberá que envialo por correo electrónico ao enderezo info@fundacioncelta.com. No caso de que o pagamento se realice mediante transferencia bancaria haberá que enviar o xustificante de ingreso a este mesmo enderezo de correo electrónico.