Pestanas principais

Últimos días para apuntarse nos cursos de natación do mes de agosto

Xoves, 17 de xullo de 2014

[17-07-2014] Os pais e nais interesados en que os seus fillos/as participen nos cursos de natación, que se desenvolverán durante o mes de agosto nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, deben darse présa xa o prazo de inscrición remata este venres 18 de xullo. Estes cursos pretenden ocupar o tempo libre dos nenos e nenas amienses durante as vacacións ao mesmo tempo que aprenden a nadar. Todos os/as interesados/as poderán inscribirse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina), en horario de 9:00 h a 14:00 horas.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, puxo en marcha o pasado 1 de xullo os cursos de natación que se imparten nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. O programa está dedicado a ocupar o tempo libre de nenos e nenas durante as vacacións do verán e, deste xeito, aprender tamén un deporte novo. Os cursos comezaron este mes coa primeira quenda que durará ata o 31 de xullo. A segunda quenda dos cursos de natación desenvolverase no mes de agosto (dende o 1 ata o 29 de agosto).

Para estes cursos ofértanse un total de 126 prazas, que se repartirán en diferentes horarios ao longo da mañá. Para os maiores de 12 anos resérvanse 30 prazas e o seu curso impartirase de 10:30 h a 11:15 horas. Os rapaces de 10 a 11 anos tócalles a segunda quenda, de 11:15 h a 12:00 horas. Para esta franxa de idade tamén hai 30 prazas.

De 12:00 h a 12:45 horas desenvolverase a terceira quenda na que se ofertan 30 prazas para os rapaces de 8 a 9 anos; e de 12:45 h a 13:30 h haberá 24 prazas dirixidas a nenos e nenas de 6 a 7 anos. A última quenda resérvase para os máis pequenos, 12 prazas para nenos e nenas que teñan entre 3 e 5 anos, que se levará a cabo de 13:30 h a 14:15 horas.

En canto ás inscricións, poderán realizarse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns (Pazo da Peregrina) dende as 9:00 h ata as 14:00 horas. Para apuntarse no curso de agosto o prazo de inscrición remata este venres 18 de xullo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para poder matricularte nos cursos de natación.

O prezo desta actividade é de 20 euros, ou 10 euros a partir do segundo membro da unidade familiar e 5 euros a partir do terceiro ou restantes. A documentación necesaria que hai que achegar é o impreso de solicitude cuberto, o resgardo de pagamento e a fotocopia da tarxeta sanitaria. Só poderán participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.