Pestanas principais

As últimas sesións de contacontos de 2017 terán lugar a vindeira semana nas bibliotecas municipais e nos locais sociais de Augapesada e Bugallido

Sábado, 09 de decembro de 2017

[09-12-2017] A Concellaría de Educación e Cultura preparou, para este mes de decembro, novas sesións de contacontos que terán lugar tanto nos locais sociais de Augapesada e Bugallido como nas bibliotecas municipais do concello. Os contacontos, que son os últimos deste ano 2017, pechan un ano no que a Concellaría de Cultura fixo unha forte aposta por levar, novamente, as sesións de contacontos ao rural, cunha programación quinquenal nas parroquias de Augapesada e Bugallido, así como nas bibliotecas do Milladoiro e Bertamiráns.


O local social de Augapesada acollerá, o vindeiro 11 de decembro, a narración do conto A que sabe a lúa?, o cal relata a historia duns animais con moita curiosidade por coñecer o sabor da mesma, por saber se será doce ou salgada, así como as súas ideas para chegar ata ela. En Bugallido, pola súa banda, a sesión de contacontos deste mes de decembro desenvolverase o día 12. Ese día, a sesión estará centrada no conto O polo Pepe. As nenas e nenos que asistan a esta sesión descubrirán o que comeu Pepe para medrar tanto. As dúas sesións terán lugar ás 18:15 horas.

Nas bibliotecas municipais, os contacontos de decembro xirarán arredor do cinema. En Bertamiráns, a sesión de contacontos terá lugar o día 13, mentres que no Milladoiro será o día 14. Ambas as sesións, que están orientadas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos, comezarán ás 18:00 horas. A entrada, igual que no caso dos locais sociais das parroquias, é libre e gratuíta. 

As sesións de contos deste 2017 abordarán ao longo do ano diferentes temáticas, sempre relacionadas con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Así, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, estas sesións tamén procuraron promover unha educación igualitaria e en valores, fortalecendo o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecendo ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.

A Concellaría de Cultura xa está a traballar na programación das bibliotecas e dos locais sociais para o primeiro trimestre do 2018. “O goberno municipal fai unha aposta firme pola animación á lectura, que se ve consolidada polo elevado nivel de participación nas actividades tanto das bibliotecas municipais como dos locais sociais das parroquias. Desde o departamento de Cultura, consideramos que este achegamento á lectura, dun xeito creativo e lúdico, é fundamental para a educación das máis cativas e cativos”, afirma o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.