Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Ata o 15 de decembro continúa aberto o prazo para solicitar praza na nova edición do programa integrado de emprego. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do comercio, almacén, administración e xestión, novas tecnoloxías, ocio e tempo libre, e turismo. Na edición 2024-2025, que rematou o pasado 30 de setembro, o 48% dos participantes tiveron un contrato de traballo nalgún momento do programa. As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos premendo nesta ligazón.
O novo programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de decembro de 2025 e outubro de 2026. O programa está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 220.000 euros e confinanciado polos Concellos de Ames e Brión. O obxectivo do programa é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, porcentaxe superada nas últimas edicións executadas dos programas integrados.
Para participar no programa, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego, residir nos concellos de Ames ou Brión e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
-Persoas menores de 30 anos desempregadas.
-Persoas maiores de 52 anos desempregadas.
-Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI).
-Mulleres desempregadas.
-Persoas desempregadas de longa duración.
-Persoas desempregadas inmigrantes.
Os programas integrados de emprego de Galicia están dirixidos á mellora de ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación desemprego, desenvolvendo de xeito obrigatorio as seguintes accións: información, orientación e asesoramento, formación, técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes, prácticas profesionais non laborais en empresas, en consonancia preferentemente co contido teórico-práctico das accións formativas e obradoiros sobre mobilidade laboral.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, anima “á veciñanza dos concellos de Ames e Brión, que cumpran cos requisitos esixidos, a inscribirse no programa integrado de emprego porque ten un gran porcentaxe de inserción, algo que en gran medida é grazas ao bo traballo do persoal municipal de ambos Concellos. Na edición que acaba de rematar alcanzouse preto do 50% de inserción laboral con algún tipo de contrato ao longo do programa. Deste xeito, superouse o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes”.
Actividades
As persoas participantes formaranse nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, novas tecnoloxías e administración e xestión, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén poderán recibir formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, novas tecnoloxías (informática, Intelixencia Artificial), idiomas (Inglés), hixiene e manipulación de alimentos, primeiros auxilios, habilidades sociais e de comunicación, motivación, marca persoal, etc.
Terán titorías individualizadas nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan necesitar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).
Ademais poderán realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos que prefiran formarse.
Bolsas e axudas á conciliación
As persoas que formen parte do novo programa integrado de emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 euros/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerá a disposición das persoas participantes axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Estas axudas estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes para facilitar a asistencia ás actividades do programa.
As actividades impartiranse no Centro de formación e emprego do Concello de Ames, que está situado na rúa Costaneira, número 2, na urbanización de Aldea Nova.
Formulario de inscrición
As persoas que cumpran os requisitos indicados e estean interesadas poden cubrir o formulario cos seus datos premendo nesta ligazón. Para ampliar información sobre o programa poden contactar no enderezo de correo electrónico inseramesbrion@gmail.com ou nos teléfonos 608 459 678 (María Lloves) e 663 711 876 (Pablo Bello). As chamadas atenderanse en horario de 8.00 a 15.00 horas.






