Pestanas principais

Últimas entradas para asistir aos espectáculos da XX edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”

Luns, 20 de outubro de 2025

As casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán esta semana a vixésima edición do Festival Internacional de Maxia de Ames, que, nesta ocasión, terá lugar do 23 ao 26 de outubro. Este festival organizado polo Concello de Ames, en colaboración coa Deputación da Coruña, conta cun amplo programa de espectáculos e obradoiros para todos os públicos. Quedan poucas prazas dispoñibles para participar nos obradoiros de maxia. Así mesmo, aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para o espectáculo “Imposible?!” do Mago Rafa e para as catro sesións da Gala Máxica Internacional, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Esta semana volverá a celebrarse unha nova edición do Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, unha das actividades culturais máis lonxevas do concello e que máis expectación xeran entre a veciñanza amesá. Na súa XX edición, o festival desenvolverase desde o xoves 23 ata o domingo día 26. 

Na actualidade aínda quedan algunhas entradas dispoñibles para as catro sesións da Gala Máxica Internacional e para a estrea do espectáculo “Imposible?!” do galego Mago Rafa que, para ámbolos dous espectáculos, poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Tamén quedan algunhas prazas libres para as sesións dos obradoiros de maxia que se imparten en Bertamiráns e no Milladoiro. 

Maxia para todos os públicos
A primeira das actividades Do programa do Festimax será “O Baúl da Maxia”, que contará cunha sesión en na Praza de Chavián, en Bertamiráns, o xoves 23, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro o venres 24. Esta proposta de pases de maxia, con media hora de duración e con grupos reducidos de 20 persoas, correrá a cargo da maga arxentina Lore Lavand, que adoita mesturar a poesía co mundo da maxia, na súa caravana máxica, un dos teatros máis pequenos do mundo. Os pases desenvolveranse cada media hora desde as 17.30 ata as 20.00 horas e o acceso será de balde, por orde de chegada. 

Unha das novidades desta edición celebrarase na primeira xornada do festival, o espectáculo “Imposible?!” do galego Mago Rafa. A proposta, cun selo moi persoal, está dirixida para un público familiar, terá lugar ás 18.00 horas, o xoves 23, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. 

A xornada do venres 24 estará dedicada aos nosos maiores, con dúas sesións de maxia dirixidas especialmente para eles a cargo do mago Román García, tamén de orixe galega e que adoita caracterizarse por crear espectáculos moi creativos e participativos. Deste xeito, ás 11.00 horas desenvolverase o pase no Local dos Maiores de Bertamiráns, mentres que pola tarde, ás 17.00 horas, será a quenda no Milladoiro, no Local de JUPEMI. 

Obradoiros de maxia
Outra das actividades que se realizan de novo este ano serán os obradoiros de maxia, que gozan dunha gran acollida e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Nesta ocasión, Román García será o encargado de impartir os talleres nos que ensinará aos máis cativos os trucos máis interesantes da maxia. Deste xeito, o sábado 25 de outubro, será a quenda na Casa da Cultura do Milladoiro. Formaranse dous grupos de 12 participantes cada un. A primeira sesión farase ás 11:00h e a segunda a continuación, ás 12:00 horas.

O domingo 26 este mesmo obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén será impartido por Román García en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e formaranse dous grupos con 12 nenos/as en cada un.

Para participar é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal poñendo o nome, apelidos da persoa que quere participar no obradoiro de maxia e un número de teléfono de contacto. 

Neste momento, aínda quedan algunhas prazas libres para todas as sesións das dúas localidades. 

Gala máxica internacional
A Gala máxica internacional desta vixésima edición terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 de outubro. Como nos últimos anos, haberá catro pases debido á gran demanda e interese que ten este espectáculo entre a veciñanza amesá. A Gala estará presentada polo mago e monologuista catalán Isaac Jurado. 

Nesta ocasión, participarán os magos Seimei, de Corea do Sur e será a primeira vez que actúe en Europa presentando a súa proposta na que os elementos orientais son os protagonistas; Marcos Waldemar, mago galego emerxente que foi galardoado no último Congreso Nacional de Maxia e que estará a presentar unha proposta moi interesante; Peio Rivas, de Vitoria e experto na maxia de manipulación de obxectos, unha das ramas máis complicadas do ilusionismo; e Diego & Elena, dous artistas de Madrid e que presentan un espectáculo no que fusionan as acrobacias aéreas coa maxia.
 
Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 940 / 662 377 444 ou escribir un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal.

Últimas entradas para asistir aos espectáculos da XX edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”

Multimedia

  • Últimas entradas para asistir aos espectáculos da XX edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”
  • Últimas entradas para asistir aos espectáculos da XX edición do Festival de Maxia de Ames “Festimax”