- Tematica
Inicialmente prevista para o pasado sábado 12, a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, organizada pola Concellaría de Igualdade, celebrarase finalmente este venres 18 de marzo, ás 17:30 horas, no Parque do Ameneiral de Bertamiráns. Co cambio de data tamén se ampliou o prazo para inscribirse, ata este xoves 17, ás 14:00 horas, acudindo presencialmente ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello, ou ben en liña premendo nesta ligazón. A actividade forma parte dos actos do 8M en Ames.
“Moitos camiños, mesma meta” volve neste 2022 despois dunha primeira edición hai dous anos cunha gran acollida. Tratarase dunha cita non competitiva e lúdica, onde as persoas participantes percorrerán uns 1.500 metros e se enfrontarán a 12 obstáculos, cada un deles cunha mensaxe que reflicte os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día.
A carreira celebrarase finalmente o venres 18 de marzo, ás 17:30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, despois de que fora adiada a semana pasada por mor das previsións de chuvia para o sábado 12, a data orixinal desta proposta.
A recollida de dorsais comezará 45 minutos antes, a partir das 16:45 horas, un momento no que se aproveitará para entregar uns agasallos ás persoas participantes. Neste senso, no evento pode participar calquera persoa a partir dos 5 anos.
A inscrición, de balde, pode realizarse en liña, premendo nesta ligazón, ou ben de forma presencial, achegándose ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10) ou en Bertamiráns (praza de Chavián, s/n). O prazo para sumarse á proba remata o xoves 17 ás 14:00 horas.
A programación ao completo dos actos do 8M en Ames pódese consultar premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Atrasada hasta el viernes por lluvia la carrera por la igualdad"