[20-08-2016] O programa electoral deberá cinguirse as propostas que cada grupo de rapaces e rapazas faga para organizar dous días dun hipotético campamento. Cada “partido” deberá respectar as normas básicas e os horarios establecidos de antemán. Haberá formacións políticas, candidatos, campaña electoral, papeletas, urnas e día de eleccións. A este cometido vaise dedicar a última quincena da Escola de Verán que este ano analizou a contorna de Ames baixo o lema “Ames desde a mirada dos nenos e nenas”. Mentres se organizan os grupos políticos, se elixen candidatos e candidatas e se comezan a elaborar os programas, os rapaces e rapazas que participan esta quincena na Escola de Verán, 73 no Milladoiro e 60 en Bertamiráns, rematan as maquetas coas que valéndose da imaxinación e de todo tipo de materiais de refugallo, amosaron como queren que sexa a súa cidade: “A cidade dos nenos e das nenas”.
Grandes áreas comerciais ou pequenos comercios? Estradas ou camiños? Houbo moitas discusións sobre o xeito de organizar esa cidade ideal e o remate chegouse a conclusión que había sitio para todo. Así que camiños e estradas conviven con áreas comerciais, comercios pequenos, escolas e un Hospital feito cunha gran caixa de cartón e unha cruz vermella de papel charón. Ningunha alegación a que as distintas partes do Parque Multiaventuras con spá que todos e todas querían se conectara a través de grandes tobogáns acuáticos. Todos os espazos desa cidade para os nenos e as nenas están feitos con materiais de refugallo e a base de imaxinación, postas en común, acordos e consensos. “Trátase, como diría Franchesco Tonuchi de non poñerlle limites a imaxinación e a fantasía dos nenos e das nenas”, manifesta María Roca, coordinadora da Escola de Verán en Bertamiráns.
As emocións, a concienciación medio ambiental, a creatividade, a educación en valores, as relacións persoais, o uso do galego e do inglés que se practica a través dalgúns dos xogos comunitarios, o respecto e a tolerancia á hora de convivir son cuestións que a empresa Agora Aberta, encargada deste programa de conciliación da vida laboral e familiar, ten sempre en conta á hora de elaborar as súas programacións. Este verán Ames foi o obxectivo da mirada, da análise, da reflexión e dos xogos dos nenos e das nenas que acoden a esta escola divertida de verán. Por quincenas traballouse co cole, o parque e a cidade. Moveuse a imaxinación e aflorou a conciencia crítica dos máis pequenos e as máis pequenas que falaron de barreiras arquitectónicas, de limpeza, de zonas verdes e soñaron con parques novos e grandes piscinas e tobogáns de auga que uniran os recunchos dese lugar ideal onde habitar.
Nesta última quincena, a través de todo o que leva implícito a organización dunha campaña electoral e unhas eleccións, eles e elas amosarán como se pode artellar dun xeito cívico e respectuoso ese Ames que a Escola de Verán soña.




