Pestanas principais

A última proba da Transgalaica terá lugar no concello de Ames

Sábado, 27 de agosto de 2016

[27-08-2016] A cuarta e última cita do circuíto Transgalaica está cada vez máis próxima. A única etapa que transcorre na provincia da Coruña- as tres primeiras tiveron lugar na de Pontevedra- é posible grazas á iniciativa do club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, que contou coa colaboración do Concello de Ames. O encontro terá lugar o domingo 11 de setembro ás 10:00 horas, co Pazo da Peregrina de Bertamiráns como punto de partida. O prazo de inscrición pecha o vindeiro xoves, 8 de setembro, e xa hai máis de 200 ciclistas anotados.

A etapa amesá da Transgalaica 2016, un circuíto da modalidade de ciclismo de montaña CX-maratón, discorre a través do monte San Marcos, ao carón do rego Riamonte, sube até o alto de Liñaredo, continúa pola praia fluvial de Tapia e remata pasando pola baixada de Pegariños. 32 quilómetros de percorrido que permiten ás persoas anotadas inscribirse na modalidade dunha volta, creada para abrir a participación a cicloturistas, ou de dúas voltas. Polo momento as inscricións realizadas- máis de 190 polo momento- foron realizadas maioritariamente na modalidade de dúas voltas, que é a que puntúa no circuíto Transgalaica.

Nesta proba poden participar todas aquelas persoas con licencia en vigor da tempada 2016/2017 e aquelas que tramiten unha licencia diaria, nas 48 horas anteriores ao comezo da proba. As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (Junior, S23, Elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (Junior, S23, Elite y Master) e Open (Cicloturistas y Licencias de 1 día). A inscrición pecharase o xoves 8 de setembro ás 20:00 horas. O prezo de inscrición é de 15 euros, ou 30 euros para as persoas que deban ademais tramitar unha licencia de un día. Tanto a matrícula como o pago da cota faranse a través da páxina web www.magmasports.es.

O inicio da proba está programado para as 10:00 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída; a orde de saída estará determinada nos seus 35 primeiros postos polas 35 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización reservarase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición.Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e open. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 50 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos do domingo 11 terá lugar aproximadamente ás 13:45 horas.

Ames pecha así un circuíto, a Transgalaica, que comezaba o 28 de febreiro en Cotobade, na provincia de Pontevedra. A segunda e a terceira probas tiveron lugar, respectivamente, no Porriño e en Vigo.