[10-09-2016] A cuarta e última proba do circuíto Transgalaica celebrarase este domingo, 11 de setembro, no concello de Ames. A única etapa que transcorre na provincia da Coruña -as tres primeiras tiveron lugar na de Pontevedra- é posible grazas á iniciativa do club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, que contou coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 10:00 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para esta proba hai máis de 250 ciclistas anotados.
A etapa amesá da Transgalaica 2016, un circuíto da modalidade de ciclismo de montaña CX-maratón, discorre a través do monte San Marcos, ao carón do rego Riamonte, sube até o alto de Liñaredo, continúa pola praia fluvial de Tapia e remata pasando pola baixada de Pegariños. Un total de 32 quilómetros de percorrido que permiten ás persoas anotadas inscribirse na modalidade dunha volta, creada para abrir a participación a cicloturistas, ou de dúas voltas. A maioría das inscricións realizadas foron feitas maioritariamente na modalidade de dúas voltas, que é a que puntúa no circuíto Transgalaica.
Nesta proba poden participar todas aquelas persoas con licencia en vigor da tempada 2016/2017 e aquelas que tramiten unha licencia diaria, nas 48 horas anteriores ao comezo da proba. As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (Júnior, S23, Elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (Júnior, S23, Elite y Máster) e Open (Cicloturistas y Licencias de 1 día).
O inicio da proba está programado para as 10:00 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 35 primeiros postos polas 35 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e open. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 50 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:45 horas.
Ames pecha así un circuíto, a Transgalaica, que comezaba o 28 de febreiro en Cotobade, na provincia de Pontevedra. A segunda e a terceira probas tiveron lugar, respectivamente, no Porriño e en Vigo.




