Pestanas principais

UFD reforza a rede eléctrica no parque empresarial do Milladoiro cunha inversión superior aos 500.000 euros

Xoves, 09 de outubro de 2025

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, está a executar diversas actuacións no concello de Ames para mellorar a calidade e fiabilidade do subministro eléctrico dentro do municipio, cunha inversión global superior aos 500.000 euros. 

O delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, reuniuse co alcalde de Ames, Blas García, para analizar o avance dos traballos que a compañía está levando a cabo no parque empresarial do Milladoiro, onde se está a realizar a substitución completa de cinco centros de transformación. Ademais, estase a executar unha obra de reordenación da liña de media tensión na zona de Guimaráns, que contempla a retirada de aproximadamente un quilómetro da liña aérea, supoñendo un beneficio importante para a veciñanza desta zona. 

Estas actuacións, que estarán finalizadas antes de que remate o ano, permitirán reforzar a rede eléctrica e mellorar así a seguridade e fiabilidade do subministro tanto no propio parque industrial industrial coma nas áreas residenciais próximas ao mesmo. 

Durante a reunión, ámbolos dous representantes abordaron tamén a situación do expediente de solicitude de Conexión para dotar de subministro eléctrico ao novo desenvolvemento urbanístico Galdrachan SU16, e acordaron os vindeiros pasos para avanzar na súa tramitación. 

O alcalde de Ames, Blas García, valorou de forma positiva unha inversión que supón “unha mellora significativa na calidade e fiabilidade do subministro eléctrico, tanto no ámbito industrial coma nas zonas residenciais. Estas actuacións responden ás necesidades presentes e futuras do noso territorio”. Así mesmo, o rexedor municipal manifestou a importancia de avanzar en proxectos estratéxicos para Ames coma o desenvolvemento urbanístico de Galdrachan SU16. 

Pola súa parte, o delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, destacou que “o obxectivo da compañía é asegurar que a veciñanza e as empresas de Ames dispoñan dunha rede moderna e fiable. As obras que se están a realizar no Milladoiro e en Guimaráns mellorarán a calidade do servizo e reforzarán a capacidade da rede para responder a novas demandas de enerxía”. 

Presenza de UFD na Coruña e en Galicia 
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña preto de 24.500 quilómetros de rede de baixa e media tensión, arredor de 10.300 centros de transformación e ofrece servizo a 731.000 puntos de subministro. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministro en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de máis de 61.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión. 

A distribuidora eléctrica investiu 206 millóns no pasado 2024 na dixitalización e mellora da súa rede e infraestruturas en Galicia. Só nos últimos cinco anos, a inversión de UFD alcanzou os 800 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes. 

Estas inversións centráronse na innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministro, no telecontrol e sensorización das redes, así como no fortalecemento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable. 

O esforzo realizado pola compañía en sensorización e dixitalización das súas infraestruturas, permitiu a mellora da calidade do servizo medida a través do tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI). Este indicador sinala que a interrupción media do servizo en Galicia foi de 45,37 minutos durante o ano pasado. 

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Naturgy destina 500.000 euros a reforzar su red en O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Novo Milladoiro renueva cinco centros de transformación por medio millón"

UFD reforza a rede eléctrica no parque empresarial do Milladoiro cunha inversión superior aos 500.000 euros

Multimedia

  • UFD reforza a rede eléctrica no parque empresarial do Milladoiro cunha inversión superior aos 500.000 euros