Pestanas principais

A UCGAL impartirá no Milladoiro unha xornada informativa sobre o comercio electrónico seguro

Xoves, 21 de novembro de 2019

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro luns, 25 de novembro, ás 20:00 horas, unha xornada sobre comercio electrónico seguro. A actividade está organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración do Concello de Ames. Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá interesada no proceso de compra a través de Internet. Previamente, realizouse esta mesma actividade na Casa do Concello, en Bertamiráns, o pasado 12 de novembro.

A seguridade, a prevención fronte aos calotes, os dereitos como persoas consumidoras e os procedementos de reclamación centrarán esta xornada informativa. A actividade, que será impartida por persoal técnico da Unión de Consumidores de Galicia, está dirixida á veciñanza de Ames que desexe introducirse no mundo das compras por Internet con seguridade e o acceso é completamente libre.

Este taller formativo sobre comercio electrónico ten por obxectivo contribuír á redución da fenda dixital entre os consumidores e consumidoras con menor experiencia no proceso de contratación por Internet, así como a dar consellos que permitan que os procesos de compra sexan seguros.

A actividade estruturase en catro bloques que se centraran no proceso anterior á contratación e as medidas de seguridade a ter en consideración; o proceso de compra, facendo fincapé na figura do vendedor e na prevención de calotes; os aspectos posteriores á compra, como son as garantías e o dereito de desistimento; e un último bloque que se centrará nos procedementos de reclamación e nos mecanismos de resolución extraxudicial de conflitos.

Esta actividade forma parte dun proxecto formativo que a Unión de Consumidores de Galicia desenvolverá por 12 localidades de Galicia e que conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

A UCGAL impartirá no Milladoiro unha xornada informativa sobre o comercio electrónico seguro

Multimedia

  • A UCGAL impartirá no Milladoiro unha xornada informativa sobre o comercio electrónico seguro