Pestanas principais

A UCGAL impartirá en Ames unha xornada informativa sobre o comercio electrónico seguro

Xoves, 07 de novembro de 2019

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acollerá o vindeiro martes, 12 de novembro, ás 20:00 horas, unha xornada sobre comercio electrónico seguro. A actividade está organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración do Concello de Ames. Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá interasada no proceso de compra a través de Internet.

A actividade sobre comercio electrónico seguro ten como obxectivo contribuír á redución da fenda dixital entre os consumidores e consumidoras con menor experiencia no proceso de contratación por Internet, así como dar consellos que permitan que os procesos de compra sexan seguros. Os e as asistentes á charla poderán coñecer as particularidades do comercio electrónico en base a catro bloques diferenciados. Así, abordarase o proceso anterior á contratación e as medidas de seguridade a ter en consideración; o proceso de compra, facendo fincapé na figura do vendedor e na prevención de posibles estafas; os aspectos posteriores á compra, como as garantías e o dereito de desistimento; e, por último, os procedementos de reclamación e os mecanismos de resolución extraxudicial de conflitos.

Esta actividade forma parte dun proxecto formativo que a Unión de Consumidores de Galicia está a desenvolver por doce localidades de toda Galicia e conta co financiamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. En Ames desenvolverase no salón de plenos da Casa do Concello, o próximo martes 12 de novembro, a partir das 20:00 horas e con entrada de balde.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "A UCGAL impartirá en Ames unha xornada informativa sobre o comercio electrónico seguro"

comercio electrónico

Multimedia

  • cartel comercio electrónico