Pestanas principais

A TVG visita os nenos/as do Setembro Lúdico

Mércores, 07 de setembro de 2011

[07-09-2011] Os servizos informativos da Televisión de Galicia visitaron os nenos e nenas do Setembro Lúdico na Casa da Cultura no Milladoiro. A piques de comezar as clases e aínda en época estival, sempre é complicado conciliar a vida laboral e familiar. O Concello de Ames é un exemplo neste senso xa que dende que acaba o curso escolar ata que volve comezar ofrécense varios servizos que permiten conciliar a vida laboral e familiar dos pais e nais amienses. O Setembro Lúdico desenvólvese durante os primeiros días de setembro, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, de luns a venres cun total de 192 rapaces e rapazas.

Os nenos e nenas do Setembro Lúdico convertéronse en protagonistas dunha reportaxe para o programa A Revista da Televisión de Galicia. A canle autonómica interesouse polo programa do Setembro Lúdico, un servizo que pretende ser unha alternativa para que os cativos pasen as súas vacacións dun xeito divertido e educativo. Ademais permítelles ás nais e aos pais conciliar a vida laboral e familiar. Este servizo desenvólvese nos primeiros días de setembro, ata o comezo do novo curso escolar.

O persoal da Televisión de Galicia que se achegou ata O Milladoiro estivo filmando as actividades que realizaron os nenos e nenas que participan neste programa, dedicado neste caso a "Os nosos amigos do mundo". Isto pretende levar os cativos e cativas a coñecer lugares interesantes para comprender que todos somos diferentes porque nos educamos en culturas diferentes. O reto principal consiste na presentación da xeografía dunha forma atractiva para atraer o seu interese. As actividades xiran arredor da diversidade étnica e cultural, a educación cívica e o fomento de prácticas comunicativas baseadas no respecto ao outro.


A xornada de onte estivo dedicada ao continente americano. A principal actividade foi realizar un boneco "quitapenas" para poñer debaixo da almofada para que todo o malo se fora. Por iso, armados con tesoiras e tea de diferentes cores, os cativos estiveron gozando toda a mañá. Cada día, a primeira hora, desenvólvese un obradoiro, recoñecendo nun mapa o continente do día e as súas principais características. O resto da xornada dedícase a diferentes actividades e xogos.