Pestanas principais

Trompicallo trae a Ames “Rumpelstikin, o anano saltarín”

Luns, 26 de outubro de 2015

[26-10-2015] A Casa da Cultura de Milladoiro acolle o luns, 21 de decembro de 2015, a partir das 17:00 horas, “Rumpelstikin, o anano saltarín”, unha coprodución de Kalina Teatro e Trompicallo, dirixida por Plamen Dipchilov. Traballo de actor, obxectos, marionetas e sombras son a base deste espectáculo que se inspira nunha historia dos Irmáns Grimm. As entradas para asistir á función teñen un prezo de catro euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%.

Dirixida por Plamen Dipchilov e interpretada por Plamen Dipchilov, Marian González e Luis González, “Rumpelstikin, o anano saltarín” conta a historia dun vello muiñeiro que ve como a pobreza castiga a un pobo labrego cuxos habitantes traballan case exclusivamente para pagarlle ao rei uns abusivos tributos. Un día, ese muiñeiro topa cun mozo nobre ao que lle conta a fabulosa habilidade da súa filla Esperanza: “fiar de calquera herba seca, un fío de ouro”. A nova chega a ouvidos do Rei, quen lle encarga unha tarefa: converter toda a palla do Reino en ouro. Pero Esperanza supera a proba coa axuda dun anano saltarín a cambio de desexos monstruosos. O Rei abdica e a filla do muiñeiro casa co novo Rei. Un día, o anano saltarín reaparece na vida da Raíña Esperanza co fin de cobrar a súa débeda e esíxelle que lle entregue ao seu fillo. Finalmente fan un trato: o anano saltarín dálle tres días para reflexionar e adiviñar cal é o seu verdadeiro nome. Se non o consegue, o anano quedará co meniño da raíña.

A Compañía Trompicallo en coproducción con Kalina Teatro versiona esta historia dos Irmáns Grimm empregando diferentes linguaxes teatrais: traballo de actor, obxectos, marionetas e sombras. Todo xira en torno á idea do fío como representación da vida, e son os actores os que enfían as vidas dos personaxes. Este linguaxe metafórico é a esencia do espectáculo. Todos os elementos - os personaxes, o decorado e sobre todo a acción - están "atados" con pedazos de fíos nunha expresiva imaxe escénica. A mensaxe que transmite a obra, segundo os responsables da mensaxe é que “non deixes que o novelo da túa vida sexa liado por mans estrañas”.

As entradas para asistir a “Rumpelstikin, o anano saltarín” teñen un prezo de catro euros para os maiores de 12 anos e os que posúan carné de estudante ou sexan maiores de 65 anos terán un desconto do 50%. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou no enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.