[10-05-2011] A senda verde estreouse na xornada do domingo cunha andaina popular. A actividade, que deu comezo as 10:15 horas, reuniu a trinta e sete persoas que gozaron da beleza paisaxística da zona. A ruta, cun trazado de 18 quilómetros, viuse interrompida pola choiva en momentos concretos, aínda que non foi motivo de impedimento para que todos chegaran ao punto de orixe sobre as dúas e media da tarde. Os camiños ofrecen fermosas vistas de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico e núcleos de poboación tradicionais. Trátase dunha senda destinada só a peóns e bicicletas que discorre por zonas que combinan espazos verdes de interese ambiental e núcleos rurais. Os traballos de acondicionamento dos camiños, levados a cabo nos meses anteriores, e a colocación da correspondente sinalización tiveron un custo de 57.434,88 euros.
O Concello de Ames vén de estrear a senda verde que une as dúas principais localidades do municipio, Bertamiráns e O Milladoiro, cunha andaina popular á que estaban invitados todos os veciños e veciñas. Foron trinta e sete os participantes que se reuniron na xornada de onte na praza do Concello, en Bertamiráns, para comezar a aventura pola senda verde, unha ruta alternativa e humanizada onde poder gozar do contacto coa natureza. O percorrido rematou de volta en Bertamiráns, aínda que algúns dos asistentes xa quedaron no outro núcleo urbano enlazado, O Milladoiro.
Os participantes, coa vestimenta adecuada para a ocasión, percorreron arredor de 18 quilómetros que foron, en ocasións, interrompidos pola choiva. Aínda así todos chegaron satisfeitos a meta as dúas e media da tarde, despois de apreciar a fauna e flora da senda verde. A ruta foi dende Bertamiráns a O Milladoiro, e despois volveuse cara Bertamiráns por un trazado máis curto, polo que non se completaron os 24 quilómetros que forman a ida e a volta da senda verde.
Durante o percorrido, os participantes puideron observar diferentes ecosistemas e hábitats que albergan unha ampla variedade de vida. En Bertamiráns e no Milladoiro predominan os ecosistemas urbanos, que presentan os elementos climáticos, físicos, lumínicos, paisaxísticos e sociais que lle son propios. A fauna e a flora asociada a este espazo é moi ampla. Algunhas das especies que se atopan na cidade son o estorniño, as andoriñas ou os esquíos, que se introducen na zona urbana na procura de alimentos.
Unha vez somerxidos na ruta, pódense atopar diferentes especies de plantas vivaces como é o caso das especies Digitalis purpurea ou a Gardus carpetans. Tamén se poden ver toxeiras, xesteiras ou grandes prados. Os prados sitúanse nas proximidades das valgadas, fundamentalmente pola existencia de humidade e de terra pesada capaz de sustentar un ecosistema ao que se lle esixe dúas cortas ao ano. Ao longo desta ruta atópanse carballos, máis ou menos espallados, en moitos puntos da ruta, pero case é obrigado facer unha parada para admirar este tipo de bosque na Carballeira das Cortes.
A ruta atravesa as parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, pasando polos núcleos rurais de Eirapedriña, Firmistáns, Tarrío, Buceleiras, Barreiro, Framil, Fraiz e Ventín. Cómpre destacar que a zona sur por onde transcorre esta vía está formada polas parroquias de Biduído, Bugallido e Ortoño, a área con maior densidade de poboación do concello de Ames, e que polo tanto sufriu unha maior presión humanizadora.
As condicións topográficas do percorrido posibilitan a práctica do sendeirismo e do ciclismo para persoas de diferentes idades, ao mesmo tempo, que se pode gozar do patrimonio do rural (igrexas, lavadoiros, cruceiros…) e dos diferentes ecosistemas ambientais. Un exemplo do rico patrimonio relixioso que atesoura o concello de Ames, ao que esta senda nos achega, é a igrexa de San Pedro de Bugallido, mentres que a zona ambiental máis rica pódese dicir que é a sur, posto que alí pódense atopar As Brañas, a Carballeira das Cortes a zona da Rede Natura.
Acondicionamento dos camiños
Neste proxecto investíronse 57.434,88 euros, con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade, para reparar aquelas pistas que tiñan algunha fochanca e para colocar a correspondente sinalización do itinerario que segue a ruta. Durante a colocación dos paneis de sinalización producíronse varios actos vandálicos que provocaron estragos en moitos dos paneis colocados. Iso provocou un considerable atraso na posta a punto desta ruta, xa que a dirección de obra tivo que estudar a colocación doutos paneis feitos cun tipo de material máis resistente. Todos estes actos foron denunciados á Policía local que abriu unha investigación co fin de determinar os autores destes estragos.
Durante a semana pasada substituíronse os vellos paneis de PVC, que estaban estragados, por outros máis resistentes feitos con aluminio. Estes paneis foron colocados cada 250 metros e nos cambios de dirección, para sinalizar a ruta que segue a senda verde. Unha vez finalizados estes traballos o Concello recibiu a obra, que xa pode ser empregada por todos os veciños e veciñas de Ames e quedou estreada con esta andaina popular na xornada do domingo.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames estrena con éxito la senda verde entre Bertamiráns y Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames estrena con éxito la senda verde entre Bertamiráns y Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames estrena con éxito la senda verde entre Bertamiráns y Milladoiro"
El Correo Gallego: "Senda verde entre O Milladoiro y Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Senda verde entre O Milladoiro y Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Senda verde entre O Milladoiro y Bertamiráns"