[15-09-2018] As bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro acollen o martes 18 e o xoves 20 de setembro, respectivamente, dúas novas sesións de contacontos dirixidas especialmente a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Desta volta, os máis pequenos da casa poderán gozar do espectáculo “Avós”, de Trinketrinke Teatro, que incluirá música, teatro e danza. As dúas sesións darán comezo ás 17.30 horas con entrada de balde. As actividades de “Animación á lectura” que organiza a Concellaría de Educación e Cultura amósalles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros.
Co inicio do mes de setembro volven as sesións de contacontos ás bibliotecas municipais de Ames. A compañía Trinketrinke Teatro achegará aos nenos e nenas amesáns o seu espectáculo Avós, no que a música, o teatro e a danza serán protagonistas. Os cativos e cativas vivirán de preto o regreso á Biblioteca dos Ratos de Lonxedetodo coa súa artista máis internacional, a gran Lilí Gruyére, para falarnos dos nosos maiores.
O ciclo da vida e o respecto debido aos anciáns son os dous temas tratados neste espectáculo. A ratiña Lilí Gruyére cóntanos como axudou a súa avoa, hai moitos, moitos anos, cando ela era pequena e a súa avoa aínda vivía, a plantar unha maceira. Hoxe, cada vez que come unha mazá, lembra á súa avoa. Contaranos contos que ela lle contou e poñeranos a música que a ela lle gustaba.
Ao igual que en anos anteriores, durante este curso os contos non se centrarán nunha única temática, senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poden promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.




