Pestanas principais

Tres equipos do IES Plurilingüe de Ames participarán mañá na fase comarcal do Club de Debate que se desenvolve no concello de Teo

Xoves, 13 de marzo de 2014

[13-03-2014] Os concellos que manteñen o proxecto do Club de Debate nesta comarca, Ames, Carballo, Santiago de Compostela, Rois e Teo, teñen acordada a rotación das actividades polas diferentes localidades e, nesta terceira edición, levaron á sede municipal de Teo, na Ramallosa, a sesión na que os equipos terán que presentar argumentos a favor e en contra do tema proposto: “Nós, a nosa idade, o único que temos que facer é traballar e pasalo ben”. Deste xeito, o salón de plenos da Casa do Concello de Teo acollerá mañá, durante todo o día, os debates entre os oito equipos que compiten por pasar á final galega.

A xornada comeza ás 9.00 horas, coa presentación, e continúa nunha apertada axenda cos oito debates que enfrontarán os equipos procedentes dos institutos Antón Fraguas e Rosalía de Castro, de Compostela, Isidro Parga Pondal, de Carballo, IES Plurilingüe de Ames e IES de Cacheiras.

De cada debate, o xurado, composto por lingüistas, xornalistas e xuristas, deberá emitir unha puntuación coa que se conforma a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente. Estes dous clasificados irán competir co resto dos equipos procedentes de Ferrol, O Carballiño e Pontevedra o día 26 de abril na cidade de Ferrol.

O xurado encargado de puntuar cada un dos debates estará integrado por Enma Araújo (xornalista), Manel Pardo (xornalista), Iván Arias (xurista), Anxo Otero (filólogo) e Inma Seage (técnica de Normalización Lingüística).

O premio final que agarda ao equipo gañador é unha convivencia dunha fin de semana na que terán ocasión de achegarse ao patrimonio natural e cultural galego a través de actividades lúdicas nas que a lingua galega terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo do proxecto que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

En consonancia tamén con este obxectivo está o tema sobre o que terán que debater os equipos clasificados na sesión de Ferrol: “Pódese vivir en galego”.

En cada unha das súas fases, o proxecto procura achegar argumentos favorables ao uso da lingua, ademais de fornecer tamén coñecementos e práctica sobre as habilidades discursivas e expositivas orais co fin de reforzar as competencias do estudantado.

Na sesión de mañá estarán presentes, tamén para reforzar os contidos do proxecto, os responsables municipais de normalización lingüística dos concellos convocantes, que intervirán na presentación e na entrega final dos premios, prevista para as 20.30 horas, que serán abertas, igual que o resto da xornada ao público que queira acompañalas.