Pestanas principais

Tres equipos do concello de Ames participan na fase previa do Club de Debate Alingua 2026

Mércores, 04 de marzo de 2026

Este pasado luns, 2 de marzo, comezaron as fases previas do Club de Debate Alingua 2026. Un total de 37 equipos, formados por alumnado de educación secundaria e bacharelato e procedentes de centros educativos de 13 concellos, están competindo ata o 6 de marzo por un lugar na gran final do Club de Debate Alingua. Do concello de Ames participan os dous IES, representados por un equipo do Milladoiro e dous de Bertamiráns. Os tres equipos de Ames compiten este xoves, 5 de marzo, na fase de zona que se celebra no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón. 

Un total de 37 equipos, formados por alumnado de educación secundaria e bacharelato e procedentes de centros educativos de 13 concellos, compiten do 2 ao 6 de marzo por un lugar na gran final do Club de Debate Alingua. Trátase de alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes, que integra equipos formados por grupos dun máximo de 10 membros e que contan cun docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

Dos institutos amesáns participan arredor de 40 alumnos/as e 4 profesores/as que forman tres equipos, un equipo do IES do Milladoiro e dous do instituto de Bertamiráns. Os tres equipos de Ames compiten este xoves, 5 de marzo, na fase de zona que se celebra no Campus Tecnolóxico Cortizo, en Padrón, contra equipos do IES de Cacheiras de Teo e do CPI dos Dices de Rois.

Proxecto de dinamización lingüística
O Club de Debate Alingua fomenta a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua e promover o uso oral do galego. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2026 está apoiada polos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. 

Como programa cooperativo, ademais de darlle alento ao uso do galego, a través de xornadas de formación, traballo de investigación e ensaio, e intensas xornadas de debate con espazos para o lecer, o Club de Debate tamén promove o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. 

Estilo de vida e saúde mental, no cerne dos debates da fase previa da edición 2026
“O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”. Esta é a afirmación, xurdida das propias suxestións de temáticas que achegaron os centros educativos participantes, sobre a que, a favor e en contra, debaterán os equipos convocados a esta fase previa. O alumnado poñerá sobre a mesa os seus mellores argumentos para, arredor desa afirmación, convencer o xurado de que a súa liña argumental é a mellor exposta. 

Arredor de medio milleiro de persoas, entre alumnado, profesorado, xurado e equipo técnico, están participando en cinco intensas xornadas de debate do 2 a 6 de marzo. O Pazo da Cultura de Narón foi, o luns 2 e o martes 3 de marzo, o espazo que acolleu as dúas primeiras fases de clasificación. E, desde hoxe, mércores 4 de marzo, e co apoio do concello de Rois, é o Campus Tecnolóxico Cortizo o que acolle as seguintes tres xornadas de clasificación. 

Coma en edicións anteriores, durante cada unha das xornadas, cada equipo participante deberá debater en dúas quendas,  nunha quenda defendendo a postura “a favor” e na outra a postura “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas puntuará as intervencións dos equipos. 

Un dos sinais de identidade do Club de Debate Alingua é tamén a organización, máis aló do propio espazo competitivo, de dinámicas de interacción que mesturan o alumnado dos diversos equipos participantes ao longo das xornadas, co obxectivo de fomentar o espírito deportivo, a solidariedade, responsabilidade e compañeirismo. 

Tres equipos do concello de Ames participan na fase previa do Club de Debate Alingua 2026

Multimedia

  • Tres equipos do concello de Ames participan na fase previa do Club de Debate Alingua 2026
  • Tres equipos do concello de Ames participan na fase previa do Club de Debate Alingua 2026