[14-03-2016] Esta fin de semana máis de 90 xogadores e xogadoras de squash de 14 nacionalidades diferentes congregábanse no Milladoiro para competir no Spanish Masters Squash 2016. Xogáronse preto de 300 partidos ao longo dunha fin de semana que despediu a Jesús Souto como subcampión na categoría +45 e a Majú Besada e Jesús Pazos en terceira posición na categoría +35, os tres deportistas do club Squash Santiago.
É a primeira vez que o club Squash Santiago exerce de anfitrión dun dos torneos do circuíto Masters Europeo, que se disputa ao longo do ano en varios países do continente, para o que contou co apoio das federacións española e galega de squash. Ao Milladoiro chegaron xogadores non só de nacionalidade irlandesa ou portuguesa, senón tamén dun estado tan afastado como é Exipto. Á de 2016 é a terceira edición deste circuíto no que cada ano participan máis xogadores e xogadoras.
No cadro masculino as categorías establecéronse dende maiores de 35 anos ata M-70, mentres que no apartado feminino foron dende M-35 ata M-45. Cómpre destacar que na categoría masculina de maiores de 70 anos inscribíronse catro xogadores. O deportista masculino máis veterano foi o portugués Fernando Valentín de 74 anos. Na categoría feminina, a xogadora máis veterana foi a galesa Lynne Davies de 58 anos. O campionato desenvolveuse esnte o xoves 10 e o domingo 13 de marzo.
Tras disputarse todos os partidos o taboleiro de puntuacións deixaba os seguintes resultados. Na categoría +45 feminina a inglesa Isabelle Tweedle coroouse campioa, sendo subcampioa a galesa Lynne Davies e clasificándose terceira a tamén inglesa Tamsin Bennet. Na categoría +35 proclamábase gañadora Laura Saenz, clasificándose como subcampioa a alemá Stefanie Leiber e Majú Besada, do Squash Santiago, na terceira posición.
Na categoría masculina +70 José María López acadou o posto de campión, seguido de José Luís Alba e do portugués Fernando Valentín. Na +60 masculina o inglés Stephen Edmonson coroábase vencedor, quedando subcampión o irlandés Charles O'Donnell e terceiro José María Massa. Na +55 gañaba de novo un deportista inglés, Stephen Edmonson, quedando José Luís Drizaola e José Manuel Flores en segunda e terceira posición respectivamente. O xibraltareño Marcus Hall quedou como campión na categoría +50 masculina, seguido polo exipcio Tarek Abdel-Aziz e o alemán Felix Paal.
Categoría de +45 anos
Na categoría de +45 Nicolás Barneu subíase ao podio de campión, Jesús Souto -do Squash Santiago- ao de subcampión e Liam Kane no de terceiro clasificado. En +40 gañaba de novo un xogador inglés, Paul Johnson, quedando subcampión o portugués André de Lima e clasificándose terceiro o exipcio Tarek Shamek. Por último o irlandés Neil Macarron clasificábase primeiro na categoría +35, sendo subcampión o portugués Nelson Pereira e quedando terceiro clasificado Jesús Pazos, do Santiago Squash.
Jesús Souto, director deportivo do club Squash Santiago, destacou “a importancia que tivo para o club recibir a xogadores e xogadoras de primeiro nivel nas categorías Masters”, e mostrouse satisfeito “pola alta participación de deportistas no torneo”. O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, participou no acto de entrega de premios. Ademais, o Concello de Ames traballa na actualidade para incluír a oferta de squash dentro das escolas deportivas amesás no vindeiro curso 2016-2017.






