[18-11-2016] Este sábado, 19 de novembro, con motivo da celebración de Santa Icia, patroa dos músicos, a coral polifónica “Antonio Santomil” de Bugallido organiza un concerto de corais. As actuacións terán lugar na Casa de Cultura de Bertamiráns a partir das 20:00 horas. A entrada será libre e de balde ata completar o aforo. Participarán, ademais da coral amesá, o grupo Ascuas e maila coral de Cesullas (Cabana de Bergantiños).
Este sábado subirán ao escenario municipal de Bertamiráns tres corais, para conmemorar o día de Santa Icía, a patroa da música. O grupo Ascuas abrirá a noite, seguido pola coral de Cesullas e da coral polifónica de Bugallido, que porá o punto e final ao concerto. Este evento comezará ás 20:00 horas no auditorio da Casa da Cultura.
O grupo Ascuas xurde no marco da asociación cultural Zoco de Santiago. O seu repertorio está formado por temas de distintos grupos e compositores galegos dos anos 70 e 80, como Fuxan Os Ventos, Xocaloma ou Saraibas. Todas as súas cancións buscan ser un reflexo dos problemas que sufrían os galegos e galegas nesas décadas, como a emigración, a pobreza, o medio ambiente ou as loitas da xente do agro e do mar. No escenario porán voz aos temas Soio un soño, O meu amor mariñeiro, Terra e O estraperlo.
A coral de Cesullas, nada no ano 1996 en Cabana de Bergantiños comezou a súa andaina dirixida, de forma conxunta, polo párroco don Francisco Domínguez e por don Martín Cousillas. Participa de forma activa na programación cultural de Cabana de Bergantiños, así como en municipios como Laxe, Zas, Corcubión ou Ponteceso entre outros. Forma parte da Federación Coral Galega. No seu repertorio pódese atopar música popular galega, panxoliñas, música sacra ou habaneras. A coral de Cesullas interpretará os temas A Cantiga de San Fins, O carro, A branca gaivota e Troula, troula.
A coral polifónica de Bugallido créase no ano 1971 en Bugallido (Ames), sendo o seu primeiro director Don Antonio Santomil, o que daquela era cura párroco. Baixo a súa batuta a coral realizou actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Trala morte prematura do seu director e principal impulsor a coral quedou inactiva. No ano 1991 ponse en marcha de novo, grazas á labor de persoas que participaron nela con anterioridade. Créase así a Asociación Cultural Antonio Santomil, na que se enmarca a coral polifónica. Dende entón esta agrupación participa, xunto con outras corais, en certames e festivais ao longo da xeografía galega. Este sábado interpretará Tema de Lara, Tres Cantigas de Pontevedra, Con sabor tropical e Os Taberneiros.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Corales en Santiago, Ames y Touro, y conciertos en Ordes"




